EU de Ponteareas e o Porriño traballarán conxuntamente sobre o problema do Lindano

Tanto EU de O Porriño como EU de Ponteareas pedirán explicacións aos seus respectivos rexedores municipais para que se aclare o tema.

lindano

Ponteareas/EU | De confirmarse a noticia do traslado do lindano atopado nas parroquias do Contrasto e Pereira no Concello de O Porriño a unha canteira na parroquia de Xinzo en Ponteareas, aparecida nos medios recentemente, as dúas agrupacións locais de ESQUERDA UNIDA esixirán que se proceda á inmediata retirada e á descontaminación da zona.

ESQUERDA UNIDA de O Porriño leva tempo denunciando a existencia de depósitos de lindano no seu concello e que se proceda a descontaminación do chan afectado. Estamos ante un problema ambiental e de saúde pública que se debe tratar retirando estes residuos a depósitos adecuados e descontaminando a zona afectada. Para ESQUERDA UNIDA non é lóxico que se trate o problema estendéndoo a outro concello en lugar de tratalo adecuadamente.

Tanto EU de O Porriño como EU de Ponteareas pedirán explicacións aos seus respectivos rexedores municipais para que se aclare o tema. O feito é que, tanto no caso de que o Concello de O Porriño non informara ao Concello de Ponteareas do traslado destes residuos, como no caso contrario, é dicir, que o Concello de O Porriño informara a Ponteareas e este o aceptara, estaríamos ante unha situación de grave irresponsabilidade por parte dos rexedores municipais.

Dende que no 2008 o lindano foi considerado “sustancia perigosa prioritaria”a súa manipulación, traslado e depósito deben ser feitos seguindo un protocolo que obrigan a un estudio previo para análises das terras, a súa teorización e remedio. A única forma neste momento para remediar os solos contaminados é retirando o lindano, pero sempre cun estudo previo e sempre para ser depositado en lugares dispostos para este fin. O que nunca pode facerse é retiralo sen máis e depositalo, aínda que sexa de xeito provisional, nunha canteira. Se isto se fixo así, estariamos ante unha irregularidade cometida polas administracións implicadas.

Os concellos teñen o deber de protexer a saúde dos seus veciños e veciñas e de tomar as primeiras medidas para que non se poña en risco. A lexislación sobre o lindano hoxe en día é clara e a obriga de todas as administracións é coñecela e cumprila.

Esixiremos, pois, explicacións aos respectivos concellos e á Consellería de Medio Ambiente.