“Este Nadal, adopta”, a nova campaña contra o abandono e a prol da adopción de animais da canceira municipal

Tao, Sabu, Nano, Boris, Curro e Peka están agardando por ti nas instalacións do polígono industrial de Bértoa

Carballo | Ti xa sabes que os animais non son xoguetes, pero por se alguén puidese estar pensando en agasallar un este Nadal, desde Carballo Limpo lanzamos unha campaña na que lembramos que un can non é un regalo. Por iso, en lugar de mercar un can convidámoste a que adoptes un da nosa canceira municipal. Agora mesmo temos a Tao, Sabu, Nano, Boris, Curro e Peka agardando por alguén coma ti nas nosas instalacións do polígono industrial de Bértoa. Se queres coñecelos non tes máis que entrar aquí: http://carballolimpo.com/contido/canceira/adopcion.php?idioma=gl, unha ligazón permanentemente actualizada onde tes acceso aos datos e ás fotos dos animais en adopción. Nos últimos cinco anos houbo preto de 200 familias que atoparon nas nosas instalacións a mascota que andaban a buscar. Por que ti non?

Darlles unha segunda oportunidade a eses animais é doado e barato. Tal como establece a normativa municipal, os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac), custan só 50 euros.

Se estás interesado/a en adoptar ou en coñecer aos cans e cadelas que temos na Canceira Municipal podes pasar os luns e os xoves, de 10 a 13 e de 16 a 19 horas, polas instalacións do polígono industrial de Bértoa, onde comparte instalacións co Punto Limpo. Pero se queres telo moito máis doado, entra nesta web: http://carballolimpo.com/canceira