• Segue conectado
  • |

Espazo Lectura suspende definitivamente todas as actividades na Biblioteca Municipal e renuncia á reserva de crédito do Concello de Gondomar

Espazo Lectura Gondomar

Gondomar | O pasado 6 de maio, a Asemblea Xeral Extraordinaria de Espazo Lectura tomou o acordo de suspender todas as actividades na Biblioteca Municipal e renunciar á reserva de crédito de 5.000 euros que o Concello de Gondomar destinaba a pagar as actuacións e visitas dos escritores e escritoras contratados pola asociación para levar a cabo a programación da biblioteca.

Con todo, o acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, do que se informou aos responsables municipais de xeito inmediato, daba un prazo de cortesía ao alcalde de Gondomar para que retomase o diálogo con Espazo Lectura e cumprise o mandato no Pleno do Concello, celebrado o pasado 6 de abril e aprobado pola maioría dos grupos políticos, dando resposta, á necesidade de buscar o consenso e solucionar os problemas, tal e como manifestou unha boa parte da cidadanía, incluindo a maioría das institucións educativas do Val Miñor, que incidían no mesmo sentido.

Este 25 de maio rematou o prazo de cortesía sen que, lamentablemente, o alcalde Paco Ferreira mostrase ningunha vontade de recuperar o diálogo logo de dous meses de conflito, ignorando a unanimidade das voces a ese respecto. En consecuencia, Espazo Lectura procede a cumprir o acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria suspendendo de xeito definitivo –cando menos ata que exista vontade política para mudar esta esperpéntica situación– todas as activades na Biblioteca Municipal de Gondomar e renunciando á devandita reserva de crédito de 5.000 euros.

Lamentamos profundamente a actitude do alcalde

Tanto a Xunta Directiva de Espazo Lectura como o seu Consello Operativo e todo o seu voluntariado lamentan profundamente a negativa do alcalde a recuperar o diálogo coa asociación, a pesar de todos os esforzos realizados e de toda a presión social que se derivou desa negativa, incluído o mandato do Pleno do Concello (apoiado por Manifesto Miñor, PP, CABE e Iniciativa por Gondomar) e a solidariedade con Espazo Lectura mostrada pola inmensa maioría dos centros de ensino do Val Miñor. En Espazo Lectura non podemos entender a actitude do alcalde.

Fixemos todos os esforzos posibles por recuperar o diálogo

A pesar do conflito derivado desa actitude dos responsables municipais, o alcalde e a Concelleira de Educación foron convidados a participar nas actividades da Semana do Libro e a Lectura que organizamos en abril, convite que lamentablemente non aceptaron. Desde Espazo Lectura demos reiterados e inequívocos sinais da nosa vontade para buscar o diálogo e, a maiores, os nosos socios e socias enviaron, por correo electrónico, nestes últimos 20 días, máis de medio cento de escritos, asinados por distintas persoas, solicitándolle ao alcalde «que faga cumprir o acordo do Pleno Municipal do pasado 6 de abril de 2017 e que se poña en contacto con esta asociación para retomar a necesaria comunicación entre as dúas entidades». Ademais, como xa manifestamos, no mes de abril diversos centros de ensino do Val Miñor apelaron ao alcalde e ao seu equipo realizando solicitudes de diálogo, solicitudes que foron presentadas por rexistro no Concello de Gondomar.

Dous anos de problemas continuados e públicos

Os problemas de relación e comunicación de Espazo Lectura co Concello de Gondomar prodúcense desde o inicio da toma de posesión do alcalde e, nestes dous anos, Espazo Lectura pasou a depender, coma se fose unha pataca quente, de catro concelleiros distintos, incluído o propio alcalde. Dada a complexidade e as dificultades, cheas de despropósitos, que o voluntariado de Espazo Lectura foi atopando para desenvolver o seu traballo diario con normalidade, hai máis dun ano, aproveitando a renovación da Xunta Directiva da asociación, fixemos público un documento no que, xa daquela, se avisaba tanto da «precariedade da biblioteca municipal» como das «difíciles relacións coa administración». O documento foi enviado tamén a todos os grupos políticos con representación municipal, así como a todos os socios e socias (marzo de 2016). A maiores, a ex-presidenta Concha Costas transmitiulle por correo electrónico ao alcalde os problemas e dificultades que viviamos día a día, correo ao que este respondeu dándolle a razón. Pero as cousas non melloraron, senón todo o contrario, chegando á actual situación.

A reserva de crédito de 5.000 euros

Esa reserva de crédito de 5.000 euros á que Espazo Lectura renuncia agora viña facéndose practicamente desde o inicio da existencia da asociación para poder sufragar a programación que, de xeito voluntario e desinteresado, Espazo Lectura viña organizando na Biblioteca Municipal nos últimos doce anos. Ese diñeiro, que por vontade propia de Espazo Lecura nunca pasou polas nosas contas a fin de garantir a máxima transparencia, destinábao o Concello para pagar directamente os gastos de escritores/a, tradutores/as, ilustradores/as contacontos e outros espectáculos. A día de hoxe, Espazo Lectura pode asegurar que nunca desde a súa fundación ingresou nin sequera un euro procedente do Concello de Gondomar. A maiores todas as actividades que Espazo Lectura realizou e realiza na Casa da Lectura, en Donas, págaas coas cuotas que aportan os seus socios e socias, aínda que o mantemento do lugar (auga, luz e poda do xardín) lle corresponda, loxicamente, ao Concello de Gondomar.

Unha actitude que rompe con 12 anos de traballo voluntarista

Ata o de agora, mellor ou peor, ao longo destes case doce anos, Espazo Lectura atopou sempre espazos de convivencia e colaboración cos distintos gobernos que foron ocupando a institución municipal, así como condicións que posibilitaron o deseño dunha importante programación na Biblioteca Municipal, condicións que non se dan nestes momentos e que provocan o desánimodo seu voluntariado polo desconsiderado entorpecemento da acción de Espazo Lectura.

Espazo Lectura manterá as súas actividades noutros lugares

O voluntariado de Espazo Lectura continuará desenvolvendo con normalidade o seu labor de dinamización e fomento da lectura, especialmente na Casa da Lectura, onde a asociación creou ao longo de todos estes anos unha biblioteca moderna e funcional aberta ao público e onde ten a súa sede. Tamén se buscarán outros espazos alternativos que serán anunciados no seu momento. Coma sempre, a todas as actividades de Espazo Lectura poden acudir, de xeito libre e gratuito, as persoas que o desexen, sexan ou non socios e socias da nosa entidade.

Sen dúbida, esta nova situación supón un cambio importante e Espazo Lectura precisará, a partir deste momento, recalcular e redimensionar o seu perfil, buscar novas vías de financiamento e realizar mudanzas orgánicas que faciliten o seu labor e a supervivencia activa das súas actividades.

Seguiremos reclamando unha biblioteca digna

As grandes perxudicadas por esta decisión provocada pola actitude do alcalde de Gondomar son a propia Biblioteca Municipal e as familias que asistían á programación que Espazo Lectura viña realizando alí.

Desde Espazo Lectura continuaremos demandando unha biblioteca digna para Gondomar , que siga as directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, e que poña punto final ás graves carencias actuais (inexistencia de bibliotecario/a, inexistencia de orzamento estable, mellora da accesibilidade, modernización do mobiliario, diferenciación de espazos, mellora dos fondos, catalogación, purga, etc). A tal fin, deseñaremos nos vindeiros meses unha estratexia para reivindicar esas melloras.

A Casa da Lectura e o proxecto do Museo do Conto

En 2008, a través dun acordo co colexio de Donas e a Xunta de Galicia, Espazo Lectura converteu o local abandonado dunha escola infantil en desuso e en mal estado, nunha biblioteca de acceso público que fai préstamo de libros ás familias todas as semanas, fundando A Casa da Lectura. Iso foi posible grazas ao traballo do voluntariado de Espazo Lectura nas súas horas libres, e aos distintos acordos e convenios aos que a asociación chegou con distintas entidades, así como e con 12 editoriais. De xeito case simultáneo, impulsamos a desafectación do terreo, que pasou de ser de propiedade autonómica a propiedade municipal.

En 2012, Espazo Lectura iniciou o deseño de contidos dun proxecto para converter a Casa da Lectura, nun importante Centro de Dinamización do Libro e a Lectura, provisionalmente denominado Museo do Conto. Para tal fin, e de acordo con anterior goberno municipal do Concello de Gondomar, que asumiu os custes económicos, encargouse o proxecto arquitectónico ao estudio de Javier A. Franco Rabuñal e Vicente Pintos Santiago. O proxecto foi realizado, entregado no Concello en 2015 e pagado, e obra en poder do actual goberno municipal, aínda que actualmente está paralizado. O centro constaría dunha biblioteca pública totalmente versátil e actualizada, un Laboratorio do Libro e a Lectura (no que se abordaría a lectura de xeito interdisciplinar e cunha ollada contemporánea), unha Mediateca, unha Comiteca, un Espazo Infantil que incluiría Bebeteca, un Xardín dos Libros, e outra parte museística e expositiva, así como unha programación estable de actividades en torno ao libro e a lectura.

Agradecementos

Espazo Lectura agradece tanto aos socios ordinarios como protectores todo o apoio prestado nos últimos meses, e congratúlase da sensibilidade mostrada pola cidadanía de Gondomar.

Publicado o 26 Mai 2017 en Gondomar.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies