• Segue conectado
  • |

“Espazo Lectura” ofrece unha sesión de Contacontos e Títeres para os centros de ensino

Gondomar | Este próximo mércores 28 de marzo Espazo Lectura ofrécelles unha mañá de actividades aos centros de ensino da zona que son socios-protectores e que colaboran ao longo de todo ano na difusión das actividades de fomento da lectura que organiza a asociación. Na proposta, que conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, van participar 350 nenos e nenas de sete centros de ensino da comarca: CEIP Souto-Donas, CEIP Serra-Vincios, CEIP Chano Piñeiro, CEP Neira Vilas-Peitieiros, CRA Antía Cal, CEIP Carlos Casares-Vilariño e CEIP A Cruz-Camos.

Ao longo da mañá, organizados en diferentes quendas e horarios, os nenos e nenas asistirán a dous espectáculos relacionados coa animación á lectura. No auditorio Lois Tobío representarase a obra O rapto da bibliotecaria, a cargo do grupo da Escola Municipal de Teatro do Concello de Vigo. A peza, que combina o teatro de actor e os títeres, está baseada na novela homónima de Margaret Mahy e narra a historia da señora Liboreiro, a bibliotecaria dunha pequena cidade, secuestrada por un grupo de bandidos que pretenden conseguir un cuantioso rescate por parte do concello. Divertidas e disparatadas aventuras mestúranse coa vida nunha biblioteca como pano de fondo.

Ademais, os nenos e nenas asistirán tamén a unha sesión de contacontos, realizada na Biblioteca Municipal polo equipo de contadores de Espazo Lectura. A sesión, que terá como título Cociña de contos, inclúe as historias de Sopa de nada, A sopa queima e Sopa de soños. Na cociña da imaxinación coa tarteira dos soños cociñaremos sopas de conto e remataremos cun postre moi pomposo, sorbete de xampú, o preferido dos nosos cociñeiros.

Con esta dobre proposta, Espazo Lectura pretende agradecerlles aos centros de ensino a súa colaboración ao longo de todo o ano e ofrecerlles aos nenos e nenas dúas actividades vinculadas co mundo dos libros e a lectura, co obxectivo tamén de achegalos á Biblioteca Municipal, presentarlles os seus espazos e servizos, así como as actividades de dinamización que nela organiza Espazo Lectura.

Publicado o 27 Mar 2012 en Gondomar, Libros, Val Miñor.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies