• Segue conectado
  • |

Españolismo banal.

Carlos Méixome |  Nos estadios de fútbol, o xogo colectivo por excelencia, maniféstase, coa intensidade emotiva e o feedback entre xogadores e espectadores, iso que denominamos, dun xeito xenérico, identidades. Algúns psicólogos sociais teñen empregado o termo “vínculos primordiais”, mais a expresión semella confusa en exceso, e insuficiente, para explicar todo o fenómeno do nacionalismo.

Hai pouco máis de dous anos publicouse en castelán a vella obra (1995) do profesor de psicoloxía social na universidade inglesa de Loughborough, Michael Billing, Nacionalismo banal (Capitán Swing, 2014). O autor emprega esta expresión para “referírmonos aos hábitos ideolóxicos que permiten reproducirse ás nacións en Occidente” e aclara “banal non significa que sexa benigno”, reelaborando a frase de Hannh Arendt de quen toma o adxectivo: “banalidade non é sinónimo de inocuidade” (Eichman en Jerusalén, Debolsillo, 1999).

A obra de Billing achéganos a visión de que o termo “nacionalismo” non é aplicable en exclusiva aos movementos de liberación anticolonial, aos centrífugos subestatais ou aos de afirmación extrema dos estados, senón que: “Lonxe de ser un estado de ánimo intermitente, nas nacións consolidadas o nacionalismo é unha condición endémica.”

Este xogo de contraposición das identidades vivina esoutro día en Balaídos coa gloriosa, heroica, sacrificada, sufrida, merecida, valorosa, xa era hora… vitoria do Celta sobre o fracasado, minguado, limitado, incapaz, frustrante, desbaratado, inconsistente… Real Madrid.

Mais esa contraposición non é entre iguais senón entre identidades desiguais. Por iso, a feble sofre e vence heroicamente, mentres para a dominante é unha terrible humillación, un enorme fracaso que lle impide o “triplete” e ameaza con xerar un estado de frustración nacional como ficou demostrado nas cadeas de tv “nacionais”, a nosa é a “telegaita”, ao encetar as novas deportivas, ou o que é o mesmo futboleiras, non coa noticia: a vitoria do Celta; senón coa desgraza que para o españolismo banal supón a eliminación do Real Madrid.

Esta tensión simbólica estourou de forma banal, aínda que non inocua, cando uns seguidores do equipo madrileño, isto é, español, enarboraron unhas bandeira desta nación enfrontándoa ao mar de bandeiras azuis e brancas que ateigaban as gradas. Pretendo chamar a atención nestas liñas sobre a autosuficiencia de quen, seguro, nunca se autocualificaría como nacionalista, simplemente porque non lle fai falta, xa que: “nas nacións consolidadas, a nacionalidade “ enarbórase” ou lémbrase de xeito continuo”. (Billing).

Encetei polo fútbol mais o que en verdade excitou a miña reflexión foi o incomodo, o malestar, enfado,anoxo, rabexo, cabreo, desprezo… que sentiron os creadores de opinión e os medios de manipulación de masas do españolismo banal coa ofensa que para a lingua de Cervantes seica supón que o novo gabinete de Trump ademais de non contar con ningún hispano entre os seus membros, eliminase o botón que permitía acceder á web da Casa Branca en español, fechase as contas neste idioma nas RRSS e mesmo despedise o portavoz de prensa en español.

Non vou ser eu quen aplauda a decisión de Trump, sobre todo porque o tomo moi en serio e non quero caer no erro da prensa norteamericana, e europea, dos anos trinta do pasado século que consideraban a Mussolini un italiano un chisco rudo, vían en Hitler un simple exceso de dramatismo wagneriano ou coidaban que Franco era un mal necesario para a mentalidade española, hostil á democracia e incapaz de autogobernarse. E engadían que cando tivesen que gobernar xa se decatarían de que tiñan que facer as cousas, non como pensaban, senón como puidesen. O mesmo argumento escóitase agora en referencia a Trump, agardando que non sei que realidade se impoña a tan histriónico persoeiro. Non vaia ser que a agarda sexa tan desastrosa como a política de “appeasement” de Chamberlain con Hitler.

É sinxelo, lembro isto para rirme de moito papaleisón cosmopaleto que fala da utilidade do español por ser a segunda lingua, en número de falantes, dos EE. UU., cando, na verdade, alí ocupa o papel de lingua B, igualiño que o galego, durante séculos, na súa propia terra. Tamén para anotar outra de cinismo, na web do “gobierno de España” tes botón con entrada a galego, vasco e catalán, pero non hai nada. Ora, en inglés está ata a última “rajoinada”.


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 8 Feb 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies