• Segue conectado
  • |

Día 17 de maio: Letras Galegas.

Editorial

Dende sempre celebramos o noso santo, segundo o santoral romano (aínda que agora existen un  montón de nomes que non figuran aí); tamén celebramos o noso cumpreanos (algúns con toda a pomposidade) e tamén celebramos o Día das Letras Galegas.

Nos dous primeiros casos a cousa non deixa de ser un costume,  nin bo nin mau, un costume simplemente. Nós imos seguir chamándonos polo nome que nos impuxeron (porque nada nos preguntaron) e imos seguir cumprindo anos queiramos ou non. É lei de vida.  No caso Das Letras Galegas  a cousa xa é máis seria.  Aquí celebramos un día ao ano como se o resto do  ano (permítanme a redundancia) as letras galegas tiveran, o mesmo cada un de nós, unha existencia permanente e continuada nas nosas vidas. É non é así, obviamente. Este Día das Letras Galegas é único en todo ano. Parecera  que o idioma só servira para unha Festa anual, como as que celebramos na honra dos nosos santos ou de efemérides determinadas. Un día no que  se dan sesudas conferencias, se editan libros, os xornais dedícanlle as portadas, para non crear adicción, etc., etc.

Toda unha vergoña e falta de honestidade.O resto do ano a pobre lingua, coma o coronel da novela, non ten que se lembre dela;  agás “catro tolos” que poden ser uns radicais que só lles gusta levar a contraria á maioria dos cidadáns,  ou catro “ vellos mariñeiros ou  labregos”  dos que, na súa maioría proceden da aldea galega, e seguen utilizando o seu propio idioma. Estes celébranos cada día, non teñen unha data concreta para honrar a súa propia língua, a lingua que falaron e que “mamaron” de pequenos. Claro que deses xa imos quedando poucos. A cronoloxía vén sendo tamén unha inimiga directa da lingua galega.

Asistimos a debates de “moita altura”; conferencias e discusións de todo tipo. Hai que recoñecer que temos un corpus lingüístico de moita “enjundia”, que diría en castizo. Viven diso, téñeno, na maioría dos casos, como a súa única profesión pola  que o Estado lles paga.
O resto do ano a lingua galega é “un anacronismo de sentimentais” que  non están neste mundo da cibernética, da robótica,  dos debuxos animados e de monstruos premonitorios. Éncheselle a boca dicindo que “hai que salvar ao galego”, como se fora o soldado Ryan. Culpan aos poderes públicos de que a nosa lingua se vaia extinguindo lenta pero inexorablemente. As novas camadas, que diría o Beiras, son castelán-falantes porque mola máis. Porque iso dos valores dunha lingua como expresión xenuina dun pobo, dunha cultura, non vai con eles/as. Hoxe o que hai que facer é saber inglés, alemán (a Merkel é todo un sex símbolo) e chino ou xaponés; la pela es la pela, que diría un catalán que, curiosamente,  disto dannos leccións. Eles defenden a “pela”, non faltaría máis, pero ao seu idioma que non lle toquen. Velaí están enfrontados co Goberno Central para acadar maior autonomía, e aínda soberanía, se se tercia,  pero facéndoo en catalán. Ata o ínclito Aznar, nos seus tempos de Presidente do goberno español, presumía de falalo na intimidade. Habería que preguntarlle á súa dona que tal se expresaba nesa  intimidade.

Día 17 de maio, de cada ano, Día das Letras Galegas. Resto do ano?  Hai  que ser prácticos e deixarse de tonterías, de sentimentalismos, de anacronismos.

Que vergoña!! Que iñorancia!!  Como se existiran categorías entre as línguas. Pero este é o noso Pais; esta é a nosa Nazón de Breogán, que acorda do seu sono e volta a durmir “ipso facto”.

Que vdes. o falen ben!!. Non esquezan o importante; fíxennse no que fan os nosos gobernantes, os nosos xornais importantes, os nosos profesionais do ensino, da cátedra, da empresa. Eses si que saben. Fáganlle caso, por favor. Vailles  a vida niso. A Galicia de sempre xa pasou a mellor vida. Entre todos matámola; ela soa vai morrendo.Descanse en paz. Amén


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 16 Mai 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies