• Segue conectado
  • |

Democracia municipalista.

A democracia comeza na aldea, na vila e na cidade. A política local, as institucións próximas, as candidaturas directamente formadas e controladas pola cidadanía son hoxe algúns dos elementos que deron nome ao «municipalismo alternativo» ou ás «candidaturas de unidade popular». En Galicia multiplícanse as experiencias de pequenas agrupacións de veciños e veciñas que simplemente queren «cambiar as cousas» e que para iso comezan polo que lles resulta máis próximo. Trátase de proxectos políticos de goberno pero que renuncian ao «partido», á gran organización estruturada por unha determinada ideoloxía e sometida a unha disciplina piramidal. A primavera de 2015 trouxo un cambio no panorama municipal galego. Foi a irrupción das mareas e demais movemento municipalistas do cambio. Alcanzaron as alcaldías de tres grandes cidades, ademais dunha significativa representación en multitude de localidades. A experiencia no goberno e na oposición, das diferentes organizacións, o traballo colaborativo e a participación nun relato común foi trazando un camiño ascendente que ten como reto futuro o asalto ás vindeiras eleccións municipais de 2019, onde se deben manter as posicións e intentar medrar en número de propostas e representación.

O propósito máis inmediato debería consistir en devolver a dignidade á vida política e terminar definitivamente coa fenda entre gobernantes e gobernados. A onda de indignación do 15M aterrou na política municipalista das cidades e vilas de Galicia. Desde hai uns anos multiplícanse multitude de proxectos que queren fuxir da parálise e construír o cambio «desde abaixo». Proxectos que arrincan das situacións concretas, de iniciativas locais que se espallan aquí e acolá cos nomes das localidades nas que se proban.

Quizais o exemplo máis xenuíno sexa Marea Atlántica. Durante a campaña electoral de 2015, Marea Atlántica presentou un documento denominado “25 medidas urxentes” que se comprometían a aplicar durante os primeiros 100 días se chegaban ao goberno, entre elas, pode salientarse unha auditoría e renegociación da débeda, a publicación dos contratos, das retribucións e as resolucións, a posta en marcha de orzamentos participativos e dunha quenda de intervención cidadá no pleno do concello, baixada de salario do goberno municipal, paralización dos desafiuzamentos, renda social municipal, rebaixa das taxas, a aplicación da Lei da Memoria Histórica, revisión do Plan Urbanístico, impedir a especulación cos peiraos revisando o convenio de 2004 e non subvencionar eventos que promovan o maltrato animal. Algunhas promesas electorais foron cumpridas e outras non. Agora toca un novo impulso. A vontade dunha parte da cidadanía galega por ensaiar un radical envorco político abriu o horizonte a un futuro proceso constituínte; algo tan difícil, e á vez tan simple, como «cambiar as regras do xogo» co obxectivo de devolver protagonismo político á xente da pé, estabelecer mecanismos de control da representación e impoñer unha nova orde social e económica máis xusta, comezando por abolir a «escravitude por débedas» que a torto e a dereito impón a ditadura financeira.

O novo municipalismo galego debe ter como horizonte modular diferentes sensibilidades e tradicións que sirvan para fortalecer as candidaturas de unidade popular que nas próximas eleccións municipais coloquen nos asentos das alcaldías a persoas que defendan os intereses da maioría social e cuxo obxectivo central sexa profundar nas políticas transformadoras realizadas, abordar os problemas das confluencias, reforzar o carácter movimentista das candidaturas de unidade popular e, en definitiva, continuar democratizando, redistribuíndo poder e recursos, tanto nas nosas organizacións como na sociedade no seu conxunto.


Óscar Lomba é un avogado e político galego. Licenciado en dereito-económico e diplomado en Maxisterio. Colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita. Membro da Directiva de ESCULCA. Forma parte activa da Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Membro de ProLingua e AGAL.
Publicado o 25 Feb 2019 en Óscar Lomba.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies