• Segue conectado
  • |

De Galeuzca, que se fizo?.

Editorial

Eran outros tempos en que os vascos, cataláns e galegos asinaban o Acordo chamado GALEUZCA asinado por primeira vez (logo habería novas versións en anos sucesivos) en 1923. No ano 1933 Castelao propuña a reactivación do acordo coas seguintes palabras: “Identificados vascos, cataláns e galegos diante da problemática de liberación dos nosos pobos, selamos hoxe baixo a árbore de Guernica o pacto de mutua solidariedade que ha de conseguir a ratificación daqueles degoiros”

Hoxe daquilo xa ninguén se lembra. Mentras os vascos, que non votaron a “marabillosa Constitución Española” que nestes momentos se trae á mesa como ungüento de Fierabrás, están aí, ergueitos fronte o Poder Central; negociando beneficios para o pobo vasco, sen ningún tipo de prexuízo, ata apoiando un goberno de dereitas centralista a macha martillo; mentras os cataláns lle plantan cara ao Goberno de Madrid ata obrigar a Rajoy a introducir cambios substanciais na lexislación vixente, cando tiña maioría, claro, para logo utilizar o Tribunal Constitucional para que lle quite as castañas do lume, como se fora a señora da limpeza (con todo o meu respecto para as limpadoras), os galegos “non sabemos, non contestamos”. Temos representantes en Madrid que non se sabe ben a quen representan.

Os vascos defenderon e seguen defendendo os seus poderes históricos, de tal maneira que, de facto puideramos asegurar que as institucións vascas conforman, de facto, un nazón independente.

Respecto de Cataluña comprobar como nestes momentos é o problema político e social máis importante e máis serio que estamos vivindo. E todo porque os cataláns que , durante o goberno de Zapatero aprobaron un novo estatuto refrendado polo seu Parlamento e logo polas Cortes Xerais do Estado comprobaron como o Partido Popular se empeñaba en amargarlles a festa. O PP levou ao Constitucional aquel estatuto reformado e actualizado conseguindo eliminarlle varios dos artigos nos que se confirmaban principios e poderes para o actual goberno catalán. Nada do que hoxe reclaman. Se os populares non lles fixeran aquela afrenta seguro que hoxe non se verían na tesitura na que se atopan.

Non é preciso demostrar que esa afrenta dos populares fixo que os cataláns se sentiran traizoados polos chamados estatalistas. Aquí non se tivo en conta que a historia xoga ao seu favor. Cataluña, sobre todo Barcelona, xa se enfrontou ao goberno de Felipe V (antepasado do actual Felipe VI), na coñecida Guerra de Cataluña (1713-1714) sendo sitiada a cidade durante cáseque un ano. O Intendente borbónico José Patiño y Rosales recibiu ordes de recadar impostos a calquera prezo para evitar a bancarrota das arcas do rei. Que o Rei ordenara este cobro de impostos supuña unha clara vulneración das Constitucións cataláns porque esa potestade só correspondía ás Cortes de Cataluña. Produciuse un levantamento dos cidadáns que tiñan que alimentar aos cabalos do exército borbón , esixindo aos cidadáns dos arredores de Barcelona comida para o exército baixo pena de malos tratos e serios castigos. De aqui sae a frase, que agora tanto se denigra, “Vai fora, lladres!!” (fora Ladróns), por parte dos cidadáns que non coñecen a historia,

Daquela Cataluña tiña as súas propias institucións, a súa propia facenda e representación consular no exterior, sobre todo en Austria, Francia, e Inglaterra.

O goberno de Rajoy, con él a fronte, debera ler algo máis de historia. Así non cometerían as tropezas que están cometendo. A ver en que queda a cousa.

Pero voltemos a esta Terra Nosa. Aquí os chamados nacionalistas levan, levamos, toda unha vida lambendo as nosas feridas. Laiándonos do abandono de Madrid. Sen embargo non somos quen de presentar un bloco forte e unido diante dos poderes do Estado para que nos teñan en conta.

Dende que eu teño “uso de razón política” (e van aló máis de 50 anos)veño asistindo a continuos paritorios políticos. Cada quen di vai ser a solución, ata que se esfarela noutros novos entes e así ata o infinito. Hoxe asistimos a un dejá vu politico que só serve para cabrearnos máis. Pouco a pouco vanlle quitando a un as ganas de ir votar. Total, para qué? poderíamos preguntarnos. Cantas veces os galegos se organizaron en opcións políticas propias; as chamadas nacionalistas? Cantas veces se desfixeron noutras novas e así ab eternum.

Estamos diante dunha data importante: o DIA DA PATRIA GALEGA. Ata anos atrás servía para mostrar músculo fronte aos partidos centralistas. Hoxe acabou sendo un escaparate onde se mostren os diferentes grupos cada cal polo seu lado. Coma o can do hortelán “nin come nin deixa comer ao amo”.

Os novos, os máis preparados, os mellores vanse fora. Xa o dixo Rosalía en versos preciosos: “esta vaise e aquel vaise // Galicia sen homes quedas que te queiran “representar”. Porque a Galicia non se representa só, presumindo de ser os mais castos e puros. Iso da castidade era doutras épocas. Galicia precisa homes e mulleres que traballen para darlle mellor vida aos novos e aos vellos. A uns para que teñen un futuro decente, aos outros para que poidan descansar de tantos sinsabores como a vida lle ten dado. Que facemos nós? Moito barullo pero poucas noces. Somos os mellores galegos pero este pais estase desangrando sen remedio. Non queremos contaminarnos cos que entendemos non son galegos de pro e seguimos sendo cabezas de rato. Parecera que o, importante é presumir de pureza de sangue mentras ao noso arredor o pobo se desangra.


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 24 Xul 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies