Consulta Pública da nova Ordenanza de Terrazas na Guarda

A Guarda | De conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas convócase, con carácter previo á modificación da ordenanza reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público, unha consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma.

Os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello.

A consulta pública estará aberta dende o día 15 de abril ata o día 3 de maio de 2019 e ó obxecto de facilitar a participación na consulta pública, facilítase a seguinte información: ANTECEDENTES DA NORMA
A ordenanza reguladora de ocupación temporal de terrazas do concello da Guarda, aprobada en sesión do Pleno da Corporación de 27 de setembro de 2013 e publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de data 10 de outubro de 2013.

Problemas que se pretenden solucionar coa nova normativa
Trátase de buscar un marco normativo máis amplo, con maiores posibilidades de desenvolvemento da actividade hostaleira beneficiosa para o seu negocio e para o ocio e desfrute dos cidadáns, que permita responder dunha forma máis flexible aos posibles cambios que vaian acontecendo e baixo a consideración do espazo público como un espazo de convivencia, que é de todos, e en que o uso e desfrute colectivo estea asegurado. Nesta nova norma tense en especial consideración as características propias da área portuaria por ser este o punto de maior congregación de terrazas e de usuarios.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación 
A redacción dun proxecto regulador das instalacións dos establecementos ubicados no porto da Guarda no que se unifica a súa imaxe cunha solución estética única fai necesaria a modificación da ordenanza reguladora para adaptarse a esta.

Obxectivos da norma
Trátase de regular a ocupación do espazo de dominio público dunha forma ordenada, buscando o desenvolvemento beneficioso da actividade hostaleira protexendo non só os dereitos dos cidadáns senón tamén a paisaxe urbana en función das características propias do noso concello e de cada unha das súas zonas.

Posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias
Non se contemplan.