A conduta arbitraria e antidemocrática do alcalde Xosé Represas forzou o abandono do pleno dos partidos da oposición

• O Alcalde minte dicindo que os concelleiros dos partidos da oposición teñen acceso aos contratos asinados polo Concello e distintas empresas externas.

Ponteareas/PP | Dende o PP acusamos ao Sr. Alcalde unha vez máis da súa prepotencia e arrogancia polo ocorrido no Pleno Ordinario da Corporación celebrado onte día 20 de febreiro, onde o alcalde provocou unha situación de tensión que rematou, como sempre, contra os concelleiros do PP ordenando por imposición o abandono do Pleno dun dos concelleiros do PP.

Durante a celebración do Pleno no que se estaba a tratar os diferentes puntos da orde do día, o portavoz do PP recriminoulle ao Alcalde a falta de transparencia en xeral e, en particular, coa documentación que os concelleiros teñen acceso por lei, en concreto no que se refire aos contratos con distintas empresas de servizos externalizados que supoñen importantes cantidades de cartos públicos.

O alcalde afirmou, unha vez máis, que toda a documentación que se lle requiría, estaba á disposición na plataforma dixital do Concello, cando iso é totalmente falso, e proba diso é que levamos meses enviando escritos ao Concello solicitando distinta documentación, que de ser certo que tiveramos acceso, non a estariamos a solicitar, chegando o Sr. alcalde a chamarnos mentireiros e que enganábamos aos veciños.

Dende o PP manifestamos que isto dou lugar a múltiples enfrontamentos e acusacións verbais entre todos os concelleiros da corporación, pondo en evidencia que o Sr. Alcalde, coa arbitrariedade coa que actúa non foi capaz de controlar a situación, que finalmente rematou coa expulsión inxusta dun dos concelleiros do PP, o que forzou a que o resto dos concelleiros do PP e ACIP abandonasen o Pleno por considerar unha falta de respeto e acoso do Sr. Alcalde cara os concelleiros do PP.

Segundo Salvador González Solla estas situacións non se deben consentir en aras do bo funcionamento do Concello.