• Segue conectado
  • |

Concluída a plantación de 5 hectáreas nas Gándaras con 13.000 exemplares de frondosas e cultivos enerxéticos a través do Life

O obxectivo é demostrar o potencial de producción da madeira de calidade e de elevada eficiencia enerxética –como é a de carballo, freixo, pradairo e cerdeira-, e que o medio urbano pode producir de forma eficiente parte dos biocombustibles que nel se empregan

Lugo | A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, recibiron este luns as obras de plantación de dúas parcelas de 5 hectáreas de superficie no entorno dos polígono das Gándaras con máis de 13.000 exemplares de frondosas autóctonas e de cultivos enerxéticos, actuacións contempladas no proxecto Lugo+Biodinámico, que, financiado con fondos europeos Life, está encamiñado á implantar unha estratexia de desenvolvemento urbano sostible e un mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, introducindo mesmo un novo modelo productivo a través do uso da madeira como elemento estrutural de construción.

O Concello lidera a execución do programa, no que participan como socios a Deputación, a USC e a Universidade Politécnica de Madrid, e que centrou precisamente a conferencia que a pasada semana ofreceu a Alcaldesa no Foro das Cidades de Madrid como exemplo de boas prácticas no eido do desenvolvemento urbano sostible.

Con estas dúas plantacións, o Concello avanza na creación dun novo pulmón verde urbano no norte da cidade, nas Gándaras, onde xa se acondicionou un souto de castaños de variedades autóctonas e se creará un Arboretum con 55 especies representativas de todos os bosques de Galicia. Tamén se recuperará e porá en valor un bosque de ribeira.

Os proxectos de obra das parcelas de frondosas e cultivos enerxéticos foron elaborados polos membros da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC, e aprobados polo Concello.

En canto á parcela de frondosas autóctonas, acondicionouse o solo, de 4has, para proceder posteriormente á plantación de 4.115 exemplares de carballo, freixo, pradairo e cerdeira. Ademais, estableceuse un setocortaventos no borde da parcela. O obxectivo é crear unha área verde que sirva de experiencia demostrativa do potencial de produción de madeira de calidade, como produto renovable e reciclable, neutro en termos de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de elevada calidade para distintas transformacións industriais.

Polo que respecta á parcela experimental de cultivos enerxéticos, nunha superficie de 1ha, anexa á de frondosas, plantáronse 9.000 plantas de diferentes especies. Concretamente, empregáronse 2 clons de chopo e Miscanthusxgiganteus. A UXFS da Universidade de Santiago conta cunha boa experiencia en investigación con estas especies. Deste xeito, preténdese contribuír a potenciar a idea de que o medio urbano pode producir de forma eficiente parte dos biocombustibles que nel se empregan, promovendo deste modo un efecto de substitución de biocombustibles fósiles para uso térmico como as calefaccións. Esta actuación preséntase como revulsivo para mostrar as potencialidades dos cultivos enerxéticos.

Publicado o 18 Xuñ 2018 en Lugo, Medio Ambiente, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies