Concello e Rock in Rio Tea confirman a Heredeiros da Crus como cabeza de cartaz

Por vez primeira esta histórica banda de rock en galego actuará en Ponteareas o 20 de xullo

Ponteareas | O concello de Ponteareas e a organización da sétima edición do Rock in Río Tea presentan ao grupo cabeza de cartaz do mellor festival de rock gratuíto. Financiado polo concello de Ponteareas, Heredeiros da Crus será o prato forte deste encontro co rock no que todos serán primeiros pratos cargados de ritmo de guitarra, baixos e baterías.

O sábado 20 de xullo na Feira Vella e totalmente de balde cita co rock galego máis importante da historia. A propietaria de ducias de himnos gravados a lume nunha xeración de galegos e galegas nunca antes tiña pisado un escenario en Ponteareas.

“Un feito incomprensible, unha anomalía histórica, case unha afronta para o Rock in Río Tea, que este ano corrixiremos. Porque ademais os Heredeiros están moi en forma, e arrasan nos festivais máis importantes, convertindo cada concerto nun acontecemento único, nunha festa total que consigue poñer a todo o público do revés, debuxándolles un sorriso que dura días. Unha festa que non sería posible sen a colaboración do Concello de Ponteareas que segue a apostar polo Rock and Roll”, explican os organizadores.

O alcalde, Xosé Represas, que participou convidado pola organización do Festival na presentación do cartaz xunto aos componentes da mítica banda galega de rock, Maneiro e Tonhito de Poi, agradeceu o esforzo dos organizadores do festival que volverán presentar un cartaz de luxo do que toda a cidadanía poderá gozar totalmente de balde.

Nas vindeiras semanas seguirán anunciándose bandas que completarán o cartaz ata un total de 8 bandas para o fin de semana do festival ao que se unirán as actuacións do rock na rúa.

O Concello de Ponteareas apoia este festival que congrega na Feira Vella a un público chegado de toda Galicia e norte de Portugal atraído pola música rock e polo ambiente festivo.