• Segue conectado
  • |

Colaboración intermunicipal pola Língua

O programa Apego incorpora novos concellos en Nigrán

Nigrán | Alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico de 30 concellos asistiron esta mañá na Casa do Concello de Nigrán á sinatura da addenda ao programa Apego, que incorpora sete novas entidades municipais.

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Cee, Lugo, O Carballiño, Ponteareas, Sada, Vilagarcía de Arousa e Nigrán súmanse aos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal

 

Despois do segundo ano de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse 7 aos 23 concellos que xa formaban parte do proxecto.

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe. Foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, “Letras e notas” protagonizado por Magín Blanco como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.

Tamén interviñeron no acto representantes políticos dos concellos de Cee, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Carballiño, Negreira, Ribadeo e Ponteareas. Estes fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial, animaron ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.

Publicado o 20 Mar 2017 en Aldea Global, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies