• Segue conectado
  • |

A CNT chama á clase traballadora a saír á rua este primeiro de maio

clase traballadora

Santiago de Compostela/Ourense | A CNT chama á clase traballadora a saír á rua este primeiro de maio participando das manifestacións convocadas en Galicia conxuntamente con outras forzas sindicais e sociais:

Manifestación do Primeiro de Maio COMPOSTELA

Convocan: CNT, CUT, STEG, SAGAP, Foro Galego de Inmigración

12h30: manifestación con saída da Porta do Camiño/Praza 8 de marzo e mitin final na
Praza do Toral

14h30: xantar aberto e concertos na Praza 8 de marzo

Manifestación do Primeiro de Maio OURENSE

Convocan: CNT, CUT, STEG, CGT, ST

12h: manifestación con saída da Ponte Romana e mitin final nos Xardíns Padre Feijoo

Hoxe os ataques á clase obreira son cada vez de maior magnitude

Nos últimos anos vimos como retrocedían moitas das conquistas que durante anos e anos o movemento obreiro tivo que conquistar e defender. O pretexto da crise económica serviu como catalizador para todo tipo de agresións e cortes de dereitos.

Unha enorme taxa de desemprego como resultado das políticas de destrución de emprego impulsadas polos gobernos ao ditado da patronal e das institucións financeiras internacionais; unha descida constante dos salarios á vez que aumentan os despedimentos e os expedientes de regulación; un aumento da represión perante calquera manifestación de disidencia e calquera forma de loita contra o sistema; incontábeis cortes en servizos básicos e universais… todo unido a unha corrupción sistémica escandalosa e obscena conforman un negro panorama que pode provocar que se instale na clase obreira a desesperación, o medo e a parálise.Mais os tempos do silencio e da submisión quedan moi atrás, os traballadores e as traballadoras somos conscientes de este ser o momento de avanzar, impor a nosa forza e a nosa voz.

A CNT propón o seu modelo sindical como espazo de loita e solidariedade, como un espazo a partir do cal construír resistencias e enfrentar o poder e o capital. Como un espazo a partir do cal recuperar a nosa voz e exercer a nosa forza como clase traballadora.

A CNT é un sindicato de iguais. Na CNT todos os afiliados e afiliadas temos o mesmo peso, a mesma capacidade de decidir, participamos do mesmo xeito no sindicato, damos en función da nosa capacidade e recibimos en función das nosas necesidades.

A CNT é o sindicato en que temos o noso sitio todos os traballadores e traballadoras. O modelo sindical de CNT é único. Baseado nas Seccións Sindicais, rexeitamos as eleccións sindicais e os Comités de Empresa e os liberados.

A CNT é o sindicato que construímos entre todos e todas. Dos sectores laborais máis tradicionais aos sectores máis precarizados ou abandonados polo sindicalismo oficial.

A CNT ten ás súas costas unha historia de loita obreira, unha historia de dignidade e orgullo, unha historia que estamos a escribir agora, no presente. Na CNT pretendemos abrir un camiño de confrontación co Capital e co Estado que se dirixa firmemente a unha mudanza social completa, que se dirixa á toma dos medios de produción por parte da clase obreira, que se dirixa á autoxestión ampla, integral, da sociedade. Unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, unha sociedade en que non caiba a discriminación de ningún tipo.

A CNT é o sindicato onde dar o primeiro paso a partir do cal avancemos definitivamente, sen posibilidade de volta atrás, para romper cun sistema que non é o noso e para construír desde hoxe a nosa alternativa, a partir da solidariedade, do apoio mutuo e da autoxestión.

Saímos neste Primeiro de Maio como afirmación colectiva da nosa forza como clase, de que a nosa presenza na rúa e nos traballos ten unha única finalidade: mudar o mundo a partir da base e onstruílo sobre a liberdade integral de todas as persoas, e que a nosa presenza será permanente, que non decaeremos na nosa loita até que non consigamos o noso ideal, a liberación dun sistema asasino, que nos condena á miseria e á escravitude.

O Anarcosindicalismo vai comezar a construír a nova sociedade. Unha nova sociedade que pense nas necesidades das persoas, unha sociedade en que os privilexios sexan substituídos pola igualdade e a verdadeira xustiza social, unha sociedade en harmonía coa natureza, unha sociedade en que todos e todas sexamos ricas, porque todos e todas teremos todo canto precisamos. Unha sociedade digna da cal sentirnos orgullosas e orgullosos.

Por iso estamos na CNT. Porque cremos que a nosa forza vai mudar o mundo.
www.cntgaliza.org

Publicado o 27 Abr 2017 en Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies