Centros Escolares de Ponteareas reciben as figuras das Meninas que lucirán nas rúas durante o Corpus

A Concellería de Ensino repartiu preto de 40 modelos que serán decoradas por alumnos/as, profesores ou ANPAS dos centros escolares ponteareáns

Menina Ponteareas

Ponteareas | Dende principios de mes, persoal adscrito á Concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández Davila, procederon ao reparto das figuras das Meninas nos centros escolares de Ponteareas, amais doutras instalacións como a Escola Infantil, Servizo de Atención Temperá, diversas escolas Técnicas de Vigo ou Asprodico, entre outras.

A figura elixida para este ano, é o perfil de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, a ‘Menina’ ponteareá inmortalizada por Velázquez no seu famoso cadro no ano 1656, no que está ofrecendo un búcaro á infanta Margarita de Austria.

Esta actividade relacionada directamente coas artes plásticas permite, ao mesmo tempo, que o alumnado e profesorado dos centros escolares de Ponteareas, afonden na historia deste nobre personaxe nacida en Ponteareas, filla de D. Diego Sarmiento de Sotomayor, I Marqués do Sobroso e III Conde de Salvaterra e a herdeira do ducado de Abrantes por vía materna.

Durante este mes de maio as figuras serán decoradas, con estilo totalmente libre e con distintos materiais, pero sempre mantendo unha relación coas Alfombras Florais realizadas para a Festa do Corpus Christi. Unha vez rematadas, ‘As Meninas’ serán doadas polos Centros, para a súa poxa benéfica e recollidas polo Concello a finais de mes.

A concelleira de Ensino, Cristina Fernández, lembraba que “co Proxecto de Pilar Gallego “Flores para as Meninas”, o alumnado ten a oportunidade de elaborar obras de arte, que ao mesmo tempo que locen nas rúas da vila, servirán para mellorar a situación de necesidade doutras persoas”.

Como aconteceu no pasado ano, os comerciantes e hostaleiros de Ponteareas terán a oportunidade de `amadriñar´ e custodiar unha Menina ata o momento da poxa benéfica .

No tempo no que se decoran as Meninas os comerciantes e hostaleiros de Ponteareas poden solicitar á Concellería de Comercio a posibilidade de poder custodiar unha Menina dende o momento da súa recollida nos Centros ata a súa poxa pública con fins benéficos. Esta solicitude poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello.

“O único requisito que se precisa é o compromiso de ter exposta a figura de Agustina Sarmiento nun lugar ben visible e a súa posterior entrega ao Concello para proceder á súa exposición durante as Festas do Corpus Christi. A ‘custodia’ da Menina rematará no momento en que sexan recollidas pola institución sen ánimo de lucro que proceda a realizar a poxa”, declarou a Concelleira de Comercio, Inés Vidal.

Cristina Fernández lembraba que “no 2016, o recadado na poxa que realizou a FANPO serviu para axudar a financiar os tratamentos de Jairo”. A responsable de Ensino do Concello de Ponteareas amosou o seu convencemento de que “este ano, a xenerosidade dos veciños, veciñas e o sector empresarial de Ponteareas será igual ou mellor que no pasado”.