“Caso omiso” por parte do Goberno Central á reclamación para xestionar o acollemento de refuxiados

Os alcaldes e alcaldesas da Coruña, Madrid, Barcelona, Valencia e Zaragoza enviaron unha misiva o pasado decembro solicitando “unha reunión para buscar vías de colaboración”. A resposta foi unha carta, do secretario de Estado para as Administracións Territoriais, que remite aos concellos ao departamento de Inmigración

A Coruña | O Goberno local da Coruña lamenta “profundamente” a decisión do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, de “facer caso omiso” ás reivindicacións e ofrecementos feitos polo propio Concello, ademais de polos consistorios de Madrid, Barcelona, Valencia e Zaragoza, a respecto do acollemento de persoas refuxiadas.

En concreto, o pasado 16 de decembro, os alcaldes e alcaldesas dos cinco municipios –Xulio Ferreiro, Manuela Carmena, Ada Colau, Joan Ribó e Pedro Santiesteve– enviaron unha misiva ao mandatario do Executivo central na que solicitaban que as entidades locais “puidesen xestionar o acollemento das personas migrantes de cara a asegurar o cumprimento das cotas de reubicación firmadas no seu momento polo Estado español”. “O Concello non recibiu contestación a esta carta até o día de onte, casualmente cando se fixeron declaracións reclamando unha resposta”, dixo a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen indicou que “o escrito remitido ao Concello non cumpre, en absoluto, as expectativas esperadas”.

“A contestación que obtivemos por parte do Goberno central, nin sequera parte do presidente do Goberno central ao que se lle demandou unha reunión e ao que se interpelou directamente, senón dun cargo do Ministerio de Presidencia”, destaca Fraga. A carta enviada ao Concello da Coruña indica, a respecto do ofrecemento dos concellos, que “a mellor forma de coordinar e optimizar todos os esforzos é a súa conexión directa co Sistema Nacional de Acollida e Integración, xestionado polo Ministerio de Emprego a través da Secretaria Xeral de Inmigración e Emigración”.

“Non podemos comprender que nunha situación de emerxencia social ao máis alto nivel, sabedores da situación que están a vivir moitas persoas refuxiadas, que deriva incluso na súa morte, o Goberno central faga caso omiso ao ofrecemento de Concellos nos que, precisamente, é a poboación a que demanda poder ofrecer este servizo”, insiste a concelleira de Igualdade. “A resposta que recibimos é que o Goberno central está traballando ‘a nivel interno’ con representantes das comunidades autónomas e das entidades locais a través da FEMP”, explica a responsable municipal. “Creo que queda claro que este traballo está a ser insuficiente, porque non se están a cumprir nin tan sequera as cotas acordadas, algo que é especialmente rechamante, se temos en conta que hai ofrecemento de numerosos municipios como o noso. Os gobernos locais, por ser as institucións máis próximas á cidadanía, constitúen unha peza fundamental na atención aos dereitos e emerxencias sociais”, indicou.