• Segue conectado
  • |

Casares, Tobío e don Diego.

Conservo algún libro asinado por Lois Tobío o 10 de febreiro de 2001. Naquela altura unha delegación de gondomareses (formada polo daquela alcalde, polo concelleiro de cultura e dous membros do Instituto de Estudos Miñoráns) compartiramos un agradable serán no seu fogar madrileño para trasladarlle o propósito do goberno municipal de nomear o auditorio municipal co seu nome en recoñecemento ao seu labor de estudo e divulgación da personalidade de don Diego Sarmiento de Acuña. Aceptou encantado e convidounos a celebralo con champaña, francés por suposto. Visitámolo nalgunha outra ocasión para remexer entre os poucos documentos que se atrevera a traer ao seu regreso do exilio.

O nove de xuño de 2001 tivo lugar a homenaxe a Tobío, e, digámolo deste xeito, o bautizo do auditorio. Ao final don Lois non se atreveu a facer a viaxe e estivo magnificamente representado pola súa filla Constanza; a RAG polo seu presidente Paco del Riego e o Consello da Cultura por Carlos Casares; Isaac Díaz Pardo tamén acudiu aquel día xunto co alcalde, representantes da sociedade e moitas outras persoas. Non pensaba eu que o nome tivese tanto éxito, pero o certo é que así foi, quizais pola súa eufonía, pero hoxe non se fala do auditorio senón do Lois Tobío. Feliz acordo. Pola contra coido que nin Tobío nin don Diego son coñecidos dabondo nin en Gondomar, nin no Val Miñor, nin en Galicia. Unha suxestión por se alguén con “mando” lese isto, agora que se remodelou o “Lois Tobío”, non estaría mal que, no “hall”, un panel cunhas imaxes e un breve texto dese a coñecer a que alí acode quen foi a persoa que nomea o edificio.

Non lembro ben se foi antes ou despois desa data, unha tarde, fomos tomar un café á casa de Vilariño. Alí saltando dunha póla a outra, saboreando a amabilidade do anfitrión, demos en falar do Conde de Gondomar e que ben cumpría un congreso, humilde pero serio para , á francesa, poñer en valor a súa figura. Meu dito, meu feito. Casares sacou do peto o móbil falou con alguén do Consello e acordaron reservar unha partida nos orzamentos do ano seguinte. Despois seguimos indo de póla en póla.

Aínda que tiñamos tempo, Casares tomou dende o primeiro momento con moito interese a preparación do Congreso. Fixo xestións en Madrid, na Real Biblioteca, para falar das cartas do Conde e fomos poñendo algún que outro nome enriba da mesa (algúns hispanistas británicos), elaboramos algún proxecto e matinabamos que a presidencia de honra do congreso estivese a cargo de Tobío.

Casares atendeu sempre as chamadas do Instituto de Estudos Miñoráns, creárase a finais do 1999 e realizara as primeiras actividade no 2000. O 23 de febreiro de 2002 acudiu á Casa da Cultura a presentar un libriño, de edición non mala, senón cutre, nin sequera colado, senón grampado, no que se recollían as coplas do enterro da sardiña, no que el participara tamén nunha ocasión. Acariñouno, e dixo: Home, as grampas!. Viña dunha viaxe a Lisboa, tiña o rostro canso. Na mañá do nove de marzo de 2002 inundounos un mar de tristeza.

Ao longo dese ano e do seguinte, o proxecto que Casares puxera en marcha descolgando o móbil coñeceu unha deriva grandiosa. Daquela todo era ao grande, comezaran xa as obras da Cidade da Cultura. Aquel congreso, humilde pero serio, sobre don Diego Sarmiento de Acuña, converteuse nunha gran pompa de xabón que foi medrando con exposicións en Londres, Valladolid, colaboración co Museo do Prado e o asentamento definitivo da macroexposición no Gaiás. Unha gran fumeirada.

Se Carlos vivise habería quince anos que Tobío e o Conde de Gondomar serían máis coñecidos polas persoas interesadas. Mentres, seguimos agardando.


Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.
Publicado o 8 Mai 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies