Carballo acollerá o día 12 un obradoiro de prevención da saúde para persoas coidadoras

Carballo | A Concellería de Igualdade e Benestar, a través do programa Cóidame-Cóidate da Obra Social de La Caixa, ofrece ás persoas coidadoras a posibilidade de asistir o vindeiro martes 12 a un obradoiro de prevención da saúde. A escola de costas trata de mellorar a calidade de vida das participantes, que deste xeito poderán, ademais, prestar unha asistencia máis eficaz e de maior calidade ás persoas dependentes.

Os obradoiros permiten constatar a situación de desprotección na que se atopan as persoas coidadoras, desbordadas pola inxente cantidade de traballo de toda índole que deben asumir a diario, case sempre en solitario. Esta sobrecarga de traballo agrávase polas doenzas derivadas do gran esforzo físico e polo escaso recoñecemento, a pesares do seu extraordinario labor.

Neste sentido, o programa combina ferramentas de auto-confianza e motivación con sesións de prevención da saúde nos que se formará ás persoas participantes nas principais técnicas de mobilización de persoas dependentes, fomentarase o uso das axudas técnicas, ofreceranse pautas para previr a aparición de patoloxía músculo-esquelética e normas básicas se hixiene postural para aplicar na vida diaria.

O obradoiro desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no 981704706 ou pasar polo edificio de servizos sociais (antigo ambulatorio).