“Concéntrome na melodía e xogo co son das palabras, é o que máis me gusta”

Camille Hédouin | Bióloga e artista

Camille Hédouin chegou a Galicia hai xa uns anos cun grupo de xente para restaurar unha aldea. Co tempo, esta bióloga, foille dando pé á súa paixón pola música e pola vida no rural, ademais de buscar un espazo para expresarse libremente. Desa conxunción de ideas naceu Mounqup, un proxecto artístico que agora mesmo está dando pasos importantes dentro da escena galega.

-Mounqup é o teu proxecto musical co que xa tes dous discos, Proba de son (Molho, 2017) e
Castro Verdi (Molho, 2018). A que ritmo che gustaría sacar novos traballos?
Non sei, non me poño un obxectivo especial, mais aborrezo rapidamente do que xa fixen, e non me sinto satisfeita. Teño ganas de probar moitas cousas e necesito práctica para conseguilo, así que quero producir todo o máximo que poda. Iso non é fácil de conxuguar co resto da miña vida. A miña nena, horta, obras da casa, o proxecto de Saumede, botar de menos a familia e ter que pasar algún en Francia.

-Que elementos do mundo que te arrodea e que partes de túa personalidade inspiran as letras e ritmos dos teus temas? Cales son os temas que máis tratas nas túas cancións?
Bueno podería inspirarme con cualquera cousa, como o son do teclado do ordenador cando estou escribindo con el. Teño temas moi persoais onde falo da miña filla ou das miñas “debilidades”, mais en xeral son as problemáticas político-sociais as que inspiran os meus temas. Preocúpome moito da situación ecolóxica e sociopolitica mundial. Tamén sinto a necesidade de falar diso aínda que caio na conta cada vez máis que é unha cousa arriscada. Cada día menos artistas e intelectuais se atreven a posicionarse contra a dirección que toman as cousas. E iso me parece preocupante.

-Prefires uns espazos a outros para actuar? Cales?
Non, tanto me ten. Realmente gústame ter espazo, o principal é pasalo ben e se hai un público entregado pois son moi feliz.

-A interacción co público, achegarte ás persoas que van ao teu concerto, é fácil para ti ou marcas algún límite?
Eu son tímida e nerviosa, así que non é fácil. Durante os concertos gústame poñerme dentro do público. Hai algo que me molesta na barreira que crean os espectáculos, a escena, porque hai como un muro entre o público e o que pasa sobre a escena. Gustanme os concertos onde se rompen ou pouco as fronteiras pero non me gusta nada. Fora dos concertos pois si se me quere falar pois falarme, non hai problema, é a vida normal se pode falar con quen sexa.

-Algunha vez tes dito que non controlar as cousas dá máis libertade, sobre todo cando che preguntan por que cantas en galego e en inglés. Explícame iso.
Creo que coñecer moi ben unha cousa ou pensar que se coñece moi ben, quere decir que puxemos unha lóxica, unhas regras e unhas costumes arredor desa cousa, que esta ben pola vida normal. Mais para a creación, penso que esta ben intentar liberarse diso se se quere encontrar algo novo. Ben, é cousa miña, espero ser sorprendida, sentir algo máxico que non entendo. Polos idiomas, se canto en francés me resulta máis difícil quitar esa forma de dicir as palabras ou de escribir e de pensar. Noutros idiomas encontro outras cousas e me permito non expresar ou pronunciar perfectamente as cousas porque non as controlo. Desa maneira podo concentrarme sobre a melodía e xogar cos sons das palabras. A musicalidade é o que máis me gusta. Pero evoluciono, agora teño menos vergoña de cantar en francés.

-Con que artistas galegos estás máis en contacto? Tes feito colaboracións con eles?
Hai moitos artistas guais en Galicia e por timidez non me atrevería a dicir nomes. Teño ideas para colaboracións pero vou guardar o secreto polo de agora. Se me mandan á merda sentireime parva hahahaha!

-Vives nunha aldea en Ourense, estás restaurando unha casa na que queres vivir e ademais formas parte de Saumede, un proxecto de revitalización do rural e tamén es nai. Como consegues equilibrar todas estas cousas?
Pois é un lío total !!!!!

-Fálanos de Saumede, como funciona? Por que te interesaches por un proxecto coma este?
Somos moi poucos, funciona como pode haha ! Queremos abrir un centro cultural todo o ano, acoller artistas en residencia, talleres e eventos. Pero as obras non están acabadas e cos anos sen usar en inverno, se complican as cousas. Sigo esperando porque creo que vivir no rural sen perder un tipo de comfort é posible. Pódese vivir ben, comendo mellor gracias á terra, rehabilitar unha casa confortable con material saudable. Mais tamén podes ter acceso a unha diversidade cultural cun proxecto como Saumede. É algo importante para o cerebro como comer verduras de calidade é importante para a saúde.

-Había proxectos semellantes ou iguais nalgunha parte e nos que te fixaches para facer o mesmo?
O proxecto foi creado por uns amigos meus e non existen moitos dese tipo. Normalmente a idea da xente é crear unha comunidade, Saumede non o é. Así que non teño exemplos. Existe o espazo Matrioska que o fan moi ben. Aaaah se fósemos máis nós tamén en Saumede e con máis xente nova….

– Sénteste máis cómoda nun sitio onde non te coñecen, máis libre? E iso como se pode sentir na túa música?
Vivo en Pardavedra, na Bola, pero dá igual, aillada podo facer ruido! E si, outra vez, estando lonxe da xente que me coñece, tamén estou lonxe do que se espera de min. Como dixen sobre o tema de coñecer moito algo ou alguén, iso crea barreiras. Pois intento desfacerme delas!

-Tés ideas para un novo traballo ou xa estás preparando un?
Acabo de compor a música para o novo espectáculo da Licenciada Sotelo, danza contemporánea. A estrea é o xoves 14 de febreiro en Ourense chámase “A Gala” ! E teño ideas para un novo traballo tamén !

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.