Bueu homenaxea a Johán Carballeira no 80 aniversario do seu fusilamento

Os actos incluíron unha ofrenda floral no cemiterio de San Amaro (Pontevedra), outra xunto ao monumento de Johán Carballeira en Bueu e a presentación do libro Mortos por amor á terra

Bueu | A Asociación de Amigos de Johán Carballeira celebrou este luns a homenaxe polos oitenta anos do fusilamento de Johán Carballeira, o que fora alcalde de Bueu, e de Avelino Chapela, Manuel Chapela e Manuel Graña. A primeira parte do acto celebrouse no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, onde se depositou unha coroa de flores xunto á tumba dos tres represaliados, menos Johán Carballeira do que aínda non se saben onde están os teus restos. Foi neste cemiterio, onde quedaron pechados no cemiterio, circunstancia que fixo que o acto de Bueu se atrasase media hora.

Con todo, en torno ás oito e media, depositouse xunto ao monumento de Johán Carballeira, ao carón da praia da Banda do Río, unha coroa de flores por parte de Carme Chapela (filla de Avelino Chapela) e Luisa Pérez Ave (sobriña de José Ave Estévez).

carballeira

 

E para rematar, tivo lugar no Centro Social do Mar a presentación do libro Mortos por amor á terra de Xosé Ramón Ermida, un estudo que se centra na represión que sufriron os cargos nacionalistas tras o golpe de Estado. Neste sentido, o presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro lembrou que “con estes actos mantemos vivos os recordos” e que “os represaliados non cometeron máis delito que crer nas liberdades”. Nesta idea abondou, Xosé Novas, tamén da Asociación e ex alcalde de Bueu, quen destacou que o libro demostra que o Partido Galeguista era xa daquelas un partido de masas, e non só relacionado co mundo cultural.

Pola súa banda, o autor focense fixo unha recensión centrada en dous temas: a organización do Partido Galeguista no período republicano, e a represión que sufriron moitos militantes en Bueu. Foi unha conferencia moi completa, na que o autor puxo enriba da mesa que “o Partido Galeguista estaba moi apegado á loita e ás reivindicacións dos mariñeiros e da clase obreira”, como sucedeu en Bueu, onde militantes como Francisco Escáneo, Ricardo Gómez ou Johán Carballeira, entre outros moitos, reivindicaban o cese do uso da dinamita na pesca, a defensa dos produtores de viño e a suba do prezo da sardiña.

Obra de teatro “A Lola”

Ademais, seguindo cos actos de recuperación da memoria, a Asociación de Amigos de Johán Carballeira e o Concello de Bueu, organizan este venres ás 20.30 horas a representación da obra de teatro “A Lola” a cargo do grupo Avelaíña de Pontevedra. O argumento identifica a esa “Lola” con todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista, e opoñendo as formas de entender a sociedade desde os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte a ideas constitucionais de progreso e liberdade.

A sesión será no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar aforo.