As Neves destina o superávit á mellora dos accesos e alumeado

As Neves | Tal e coma anunciara, o Goberno local de As Neves comeza a destinar o superávit de 2018 do Concello á realización de obras en todas as parroquias, empezando pola mellora dos accesos e do alumeado.

Traballos en estradas e camiños municipais

En base a ese anuncio, e no segundo Pleno do Concello deste mandato, o pasado martes, día 13, este aprobou, a proposta do Goberno local, cos votos a favor dos concelleiros do BNG e do PSdG-PSOE, unha modificación de crédito que permitirá destinar 179.000€ do devandito superávit a obras en diferentes camiños e estradas da vila.

Máis polo miúdo, destinaranse 29.913,98€ a pista de Barrela, a que une a pista deportiva coa Estación de FFCC, o Camiño de “Lucas” na Porqueira e unha pista no Casal; á mellora da pavimentación en camiños de Vilanova e Couto, ten un orzamento de 33.811,42€; os traballos na pista dende Casal da Vila ao Marquiño pasando pola Estrema, contará con 77.983,01€, e o acceso a Empiade, 37.084,44€.

Alumeado e mellora enerxética

Cumprindo con outro dos seus compromisos, o Goberno logrou que o Pleno votase a favor dun investimento de 62.998,75€ na mellora do alumeado na vila.

Este orzamento sumado as subvencións conseguidas do IDAE destinarase á proxectos de eficiencia enerxética nas parroquias de Tortoreos, As Neves, Vide, Setados e Taboexa. E nos vindeiros meses continuarase con demáis proxectos.

Ordenanza de Prevención de Incendios

Na mesma sesión da Corporación, o Goberno sacou adiante a aprobación inicial do Ordenanza Municipal Reguladora da Prevención de Incendios Forestais, que quedara pendente ao remate do anterior mandato.

O texto da ordenanza está publicado no portal web do Concello para dar audiencia aos cidadáns afectados e solicitar cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades.

A nova ordenanza, así mesmo queda sometida a información pública e audiencia dos interesados, con publicación no Boletín Oficial da Provincia e taboleiro de anuncios do Concello, para que no prazo de 30 días poidan presentar reclamacións ou suxestións, que serán resoltas pola Corporación.