• Segue conectado
  • |

Anova, coa moción de censura e contra o Réxime da Corrupción

Desaloxar a Mariano Rajoy e derrotar democraticamente o Partido Popular para rematar co Réxime da Corrupción.

Anova

Santiago de Compostela | Anova comprométese firmemente a contribuír a sumar unha maioría nas institucións, mais tamén nas rúas e nas prazas, nos espazos da sociedade civil, como xa se fixo no 15M, para dar pulo a un cambio de goberno e abrir un horizonte de revolución democrática co obxectivo de erradicar un réxime de dominación conservadora asentado na corrupción. É un paso imprescindible na defensa dos intereses das clases populares agredidas polas políticas de austeridade, para frear a deriva autoritaria do réxime e activar procesos constituíntes para que a cidadanía poida decidilo todo.

No contexto de excepcionalidade creado pola podremia que abeira o goberno do Partido Popular, parécenos positiva e oportuna a proposta de En Marea e as organizacións que fan parte do Grupo Confederal de presentar unha moción de censura contra Mariano Rajoy, máximo representante do Réxime da Corrupción e dun partido que se sitúa claramente fóra do espazo de lexitimidade democrática.

A corrupción é un elemento sistémico, unha forma de goberno, unha marca de réxime. Esta non é só unha afirmación do espazo de ruptura, é nesta hora unha evidencia indiscutible para a inmensa maioría da cidadanía. O Réxime do 78 dexenerou no Réxime da Corrupción. O Partido Popular é a organización que o xestiona, o mantén e lle dá continuidade.

Á súa conveniencia creáronse dispositivos de financiamento para o partido e mesmo para enriquecemento persoal dos seus dirixentes, utilízase o aparello do Estado para condicionar decisións do poder xudicial e créase así un pano de impunidade.

O Réxime de Corrupción atende os intereses das grandes corporacións económicas, que fan boa parte dos seus negocios na contratación pública coas diferentes administracións do Estado, e apóiase nunha política de desinformación deseñada desde os medios de comunicación públicos, sometidos a un groseiro control partidario, e desde a maioría dos medios privados, subordinados tamén ao goberno e as grandes corporacións empresariais.

Sen o engraxe de toda esta maquinaria non se entende o dominio político do PP. Esta relación estreita entre o control da administración pública, o mundo dos negocios e os grandes medios, sempre á marxe de calquera posibilidade de decisión e control democrático, é a rede que articula e impón a hexemonía conservadora, un poder que neste momento só se mantén porque o Partido Popular ocupa o Goberno do Estado.

Para rematarmos co Réxime da Corrupción, cómpre retirar o PP do goberno do Estado. Para iso é necesario o apoio de todas as forzas democráticas e de esquerda que estean verdadeiramente comprometidas na loita contra a institucionalización da corrupción. Precisamos unha alianza non só de organización políticas, senón do conxunto de forzas que operan na sociedade civil, con compromisos firmes coa transparencia e cun auténtico control democrático da cidadanía. É imprescindible poñer fin non só ás zonas máis negras, tamén ás aparentemente grises, coma a que xustifica Alberto Núñez Feijóo para lexitimar e dar cobertura ideolóxica a prácticas e formas de proceder amplamente rexeitadas na sociedade galega. Alberto Núñez Feijóo fai tamén parte activa e consciente do mesmo aparello de corrupción.

O Réxime da Corrupción impediu o cambio político despois dos resultados históricos que o espazo de ruptura no Estado e en Galiza conquistara o pasado 20 de decembro de 2015. Agora é o momento de abrirmos un novo ciclo político que crebando o réxime da corrupción abra un proceso de democratización radical da man de políticas de mudanza que sosteñan actuacións concretas para rescatar as persoas damnificadas pola austeridade neoliberal e para construír un horizonte democrático de respecto á vontade das nacións e dos pobos do Estado.

Nun momento en que avanza o populismo de ultradereita en Europa, experiencias de colaboración entre as diferentes esquerdas, como a portuguesa, son outro espello nos que mirarnos. Mais somos conscientes de que non se trata de que todo se reduza a unha estratexia parlamentaria: cómpre que se acompañe cun proceso de empoderamento cidadán no que participen movementos, organizacións civís e partidos, unha rede de mobilizacións populares nas rúas e nas prazas, nos centros de traballo e en todos os espazos e recantos da sociedade.

Chegou o momento de elixir entre a decencia democrática ou o Réxime da Corrupción presidido por Mariano Rajoy.

Publicado o 4 Mai 2017 en Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies