ANINOVO, vida nova.

Un quixera crer que cada vez nace un ano unha nova criatura se nos ofrece. Estamos tan sedentos de cousas agradables, bonitas, que nos dean satisfacción que somos quen de crer nas avelaiñs preñadas. O ser humano é por natureza secante; absorbe todo o que lle boten. Xa dixo Rouseau que as criaturas nacían exentas de maldade, que era a sociedade quen as corrompía. Nós queremos pensar que cada ano que comeza nace unha nova criatura, sá, nobre, honesta, decente. Tal vez sexamos moi inxenuos pensando así, pero se o facemos doutra maneira podemos rematar padecendo do fígado, dos riles, podemos tolear, nunha palabra. Todos temos necesidade de que as cousas vaian ben; todos buscamos cariño e calor humano nos demais; todos estamos sempre cos brazos abertos para abrazar calquera cousa boa, agradable, que se nos ofreza.

O problema non somos nós; o problema non está nos nosos corazóns; o problema chéganos dado; ven de fora, chéganos dende púlpitos branquexados, dende tribunas falsas que nos bombardean con discursos malintencionados, falsos, pero presentados en papel de celofán para que pensemos que son auténticos, que nos van cambiar a vida, que van mellorar o noso vivir cotián.

Non é verdade, evidentemente, pero como diría un italiano “se non e vero e ben trovato”.

Todos os días éntrannos polos sentidos información, consellos, anuncios, que parecera están chamados a que a criatura que somos se críe axeitadamente; creza, engorde nunha atmosfera ideal. Ofrécennos un berce falso, pero somos criaturas indefensas diante de tanta maldade; gáñannos por goleada. Crean ao noso redor unha realidade virtual; unha posverdade. A verdadeira realidade só a sentimos cando estamos ao borde do abismo e nos decatamos que non temos solución aos nosos problemas; cando nos damos conta que nos enganaron, nos estafaron, nos mentiron. Pero, na maioría dos casos, xa non temos remedio. Estamos asolagados nunha lama tan espesa que non somos quen de saír a flote.

Os medios de comunicación, xa o temos dito máis dunha vez, son totalmente tóxicos. Todos traballan “pro domo sua”; ou sexa, para os seus propietarios. O problema está en que os lectores, os poucos que hai, e ainda os que se nutren polas canles cibernéticas, non se cuestionan se son ou non son enganados. Déixanse levar polos que consideran mellor preparados, polos que cren deben decidir os seus destinos. Nada cuestionan; todo aceptan.

Nace un ano e somos chamados e vivilo da mellor maneira posible, pero para os que manexan as nosas vidas pouco importa un novo ano. Eles traballan a longo prazo. Xa teñen decidido que pensan facer coas nosas vidas dende tempos atrás e por moitos anos adiante. Que podemos facer, logo? Eu podería ter a tentación de aconsellarlles non facer nada., pero seria traidor aos meus principios éticos se así o fixera, porque eu non o fago. Vou gañar a batalla? Tal vez non, pero si vou estar satisfeito comigo mesmo. Iso non hai quen mo programe; iso non hai quen mo dispute. Para min é suficiente; para vdes? Terán decidilo individualmente. Cada un de nós somos parte importante do noso propio universo. Eu así o penso.

Que durante este ano que nace sexan máis felices que no ano que ven de rematar. Que poidan liberarse “dos demos” que nos”achuchan” coas súas promesas de que podemos ser inmortais. Non o crean. Existen peores satanás que dos que nos fala a Biblia.

Sexan felices, oun polo menos pelexen para selo. Saúdos e FELIZ ANINOVO

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»