• Segue conectado
  • |

Ana Miranda acada o respaldo da esquerda da Eurocámara nunha resolución de condena do fascismo

O texto inclúe, grazas ao traballo da eurodeputada do BNG, a repulsa da denuncia contra os 19 de Meirás presentada pola familia Franco

Bruxelas/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acadou o respaldo de tres grupos de esquerda da Eurocámara -Verdes-ALE, GUE-NGL e S& D Socialistas- como relatora dunha “Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa”, xunto a eurodeputada italiana Eleonora Forenza e a sueca Soraya Post. Esta Resolución, consensuada onte polos tres grupos, votarase na sesión plenaria do Parlamento Europeo do vindeiro 24 de outubro en Estrasburgo. “Ese día o Parlamento Europeo terá a oportunidade de retratarse e dicir alto e claro de que lado está: do lado da democracia ou do fascismo”, subliña Ana Miranda.

A Resolución, que partiu da iniciativa da eurodeputada Eleonora Forenza tras o ataque que sufriu por parte dun grupo de neofascistas o pasado mes de setembro, inclúe diversos casos que afectan ao Estado español, considerados como “liñas vermellas” pola eurodeputada do Bloque. Neste sentido, para Ana Miranda, resulta “imprescindible” que o documento recolla como caso condenable a denuncia que a familia Franco presentou contra os activistas que ocuparon pacíficamente o Pazo de Meirás en agosto do 2017 para reclamar a devolución deste inmoble. Ao respecto, o grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo do que Ana Miranda forma parte xa condenou expresamente esta actuación da familia do ditador.

A proposta da eurodeputada do BNG -que forma parte do grupo Verdes-ALE- o documento tamén recolle a solicitude de ilegalización de asociacións, fundacións e grupos que exaltan o fascismo e o nazismo –entre as que se atoparía a Fundación Francisco Franco-, en cumprimento coa Directiva Marco para combater certas formas e expresións do racismo e a xenofobia. Neste sentido cita os 309 casos de violencia xenófoba que recolleu SOS Racismo no seu informe de 2016 ou o ataque ao Centro Cultural Blanquerna.

Asemade, a decisión do Congreso de retirar os restos de Franco do Val dos Caídos é outro dos elementos defendidos no texto, no que se pide ás autoridades que “eliminen efectivamente todos os símbolos ou monumentos restantes que exaltan o levantamento militar, a Guerra Civil e a ditadura de Franco e pide que aqueles que non poidan ser eliminados, estean suxeitos á necesaria contextualización e reinterpretación”.

Ana Miranda afirma que esta resolución “é froito da preocupación pola normalización dos discursos fascistas e racistas en Europa e polo aumento das medidas antidemocráticas que limitan os dereitos. Fronte a esta situación non podemos quedar de brazos cruzados. Temos que actuar e impulsar que os Estados Membros tomen medidas que poñan freo a esta violencia, pois contra o fascismo, tolerancia cero”.

Publicado o 18 Out 2018 en Aldea Global, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies