• Segue conectado
  • |

Ana Miranda: “A Comisión Europea debe investigar o incumprimento das directrices da Rede Natura na construción dos parques eólicos”

O BNG alerta do “terrible impacto” dos aeroxeradores tanto no eido paisaxístico como na destrución de emprego

Vigo/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que a construción de novos parques eólicos nos parques de Paradela e a Serra do Oribio (Lugo) incumpre as directrices da Rede Natura e supoñen un terrible impacto paisaxístico nesas zonas, así como a destrución de emprego nos sectores agrogandeiro e turístico. Ao seu xuízo o proceso supón unha “escandalosa tramitación administrativa” que a Comisión Europea debe investigar.

“Galiza non pode permitirse destruír a súa enorme riqueza e desde o BNG estamos vixiantes na loita pola preservación medioambiental do noso país”, subliña Miranda, quen considera “totalmente incongruente” que a Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Oribio sexan candidatas a converterse en Reserva da Biosfera de Galiza ao tempo que se proxecta a construción de parques eólicos.

A portavoz do BNG en Europa lembra que a Ribeira Sacra é a única candidata do Estado para converterse en Patrimonio da Humanidade en 2021, sempre e cando a Unesco determine o seu Valor Universal Excepcional a nivel internacional. “A instalación de 27 aeroxeradores e tendidos eléctricos de media e alta tensión en Paradela non é compatible coa candidatura para Patrimonio da Humanidade”, manifesta.

No tocante á construción do parque eólico na Serra de Oribio, -que forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Rede Natura 2000 e se atopa no BIC Camiño de Santiago Francés, e é candidata igualmente a Reserva da Biosfera de Galiza-, Ana Miranda critica que o seu “terrible impacto medioambiental”, que pon en perigo diferente especies da zona.
Ao respecto recorda a falta de sometemento dese parque, no inicio do seu expediente hai 14 anos, a unha valoración dentro dunha “planificación estratéxica”, aspecto que a Comisión destaca como importante á hora de buscar os lugares mais axeitados para o desenvolvemento eólico. Precisamente o artigo 32 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galiza, exclúe a instalación de novos aeroxeradores na Rede Natura.

Prexuízos para o rural
Segundo salienta a portavoz do BNG en Europa, a instalación destes parques eólicos teñen máis prexuízos que vantaxes para o rural galego, non só desde o eido medioambiental, senón tamén desde o punto de vista laboral. “A creación de postos de traballo só se produce na fase de instalación dos aeroxeradores, xa que o mantemento apenas precisa persoal”, apunta, “e non se fala do emprego que destrúe nos sectores agrogandeiro e turístico”, debido a necesidade de construír infraestruturas de media e alta tensión que atravesan o territorio.

Tendo en conta estes factores, a portavoz do BNG en Europa considera que a mellora das condicións de vida da poboación local tampouco é un argumento a favor da súa construción. “Pero aínda hai outro factor que non podemos esquecer: o prezo da electricidade”, apunta. Neste sentido critica que pese a que Galiza é un espazo de xeración de electricidade “os galegos e galegas pagamos a factura máis cara de todo o Estado”.

Publicado o 28 Ago 2019 en Medio Ambiente, Portada, Vigo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies