Alea iacta est!!

Así sentenciou Julio César cando pasou a ponte do río Rubicón no seu enfrontamento con Pompeyo.

Tamén Pedro Sánchez e Pablo Iglesias poden pronunciar a xa histórica frase. Eles tamén pasaron a ponte da intolerancia dunha dereita extrema da extrema dereita que lles prometeron ir “a por ellos!! Durante a próxima lexislatura. Tamén eles teñen en fronte novos pompeios que non por ser máis débiles son menos perigosos.

Hoxe non imos deternos en análises puntuais porque son tantos os temas dos que procedería falar que nos resulta difícil escoller.

Deixemos pasar un tempo, breve, pero suficiente para que as augas se calmen. España está sendo vítima dos ríos que se desbordan e arrasan todo ao seu paso. Tamén en política se nos ameaza cun odio desmesurado (se é que existe un odio tranquilo), con linchamentos políticos propios dos tempos xa ultrapasados, que dirían os amigos portugueses.

Hoxe imos limitarnos a breves enunciados que serán tema de analise máis polo miúdo en comentarios sucesivos.

Comecemos pola declaración de Pablo Iglesias: “Non imos esquecer de onde vimos. Seremos desobedientes fronte a todos os que digan que non se pode porque os movementos sociais dixeron que si se pode”

Seguimos co novo presidente, Pedro Sánchez que vén de visitar ao Rei e de botar unha risadas de “colegas” augurando o que lle espera que non será, precisamente para rir. Se Sánchez e Iglesias fallan entrará nas nosas vidas unha dereita cavernícola e rancorosa que durará décadas. Os electores progresistas poderán perdoarlle algún erros que van ter, loxicamente; pero non unha guerra interna entre os dous.

A dereita aprópiase do Rei mesturándoo coas víctimas de ETA, a Constitución e todos os dereitos. Parece que lles vén de familia gobernar este País. Pouco importa que as urnas lles dixeran que tiñan que esperar un pouco. Acaban de saír do Poder e xa queren voltar sen darlles tempo de enfriar os postos. O espectáculo que deron días pasados durante a investidura de Pedro Sánchez lémbranos moito o que os libros din que ocorreu en España nos tempos previos á Guerra Civil Española de 1936. Parecía que Casado (PP) pretendía adiantar a Abascal (VOX) pola dereita. De seguir así desaparece do mapa político español.
As tres dereitas declaran que o goberno de Sánchez é ilegítimo mesmo antes de que nacera. Abren unha fronte de guerra dende todas as frontes contra a coalición: ameazas, boicots, chamadas ao exército. Unha investidura entre o barrullo e a furia de non ser eles, calquera dos tres, quen estivera esperando o nomeamento como Presidente do País.

Casado utiliza a investidura para comezar o reagrupamento nacional; fagocitar a Ciudadáns agora que están “a punto de caramelo”. A señora Arriada non sabe que facer; se botarse ao monte ou aceptar que resulta un sinxelo prato de sobremesa para as dereitas; dereitas que se disputan entre si ser “a alternativa”. Casado pretende ser aínda máis facha que Abascal nun desesperado intento de que os votantes do PP que se lle foron pola dereita máis dereita volten para a casa. Teno complicado.

A investidura, entre tantos insultos e tantas voces apocalípticas de que se ía romper España, tivo o seu momento máis grato, máis doce coa presenza da deputada Ana Vidal, vítima dun cancro que lle corroe as entrañas, pero que non foi quen de prohibir que estivese alí, no seu asento, para votar a un goberno de progreso ao que lle facían falta os votos como auga de maio. Os seus colegas de Podemos agasallárona cun enorme ramo de flores. Ogallá que sexa quen de vencer a súa doenza como foi quen de axudar a vencer a ese outro cancro social que España padece: unhas dereitas feroces e agresivas que ameazan con utilizar “todo” para non permitir que o novo goberno poida demostrar que “sí, se puede” gobernar doutro xeito; para unha maioría social do País e non para os de sempre.

Dicir que unha mínima subida de impostos aos que gañan preto dos 12.000 euros mensuais vai facer que se escapen aos paraísos fiscais deixando a familia e negocios abandoados resulta patético. Dicir que un imposto do 15% ás empresas que ata agora só pagan o 3% (esas famosas sicars ás que as grandes fortunas se agarran para non pagar impostos), cando un pensionista que cobre máis de 1500 euros por mes xa paga de IRPF máis do 15% e ninguén se rompe as vestiduras.

Unha parte da Igrexa, os máis carcas, que aínda quedan bastantes, piden que recemos polo País. Parecera que chegaron as pragas de Exipto. Ata o Cardeal de Madrid, Carlos Osoro, tivo que saír a dicirlles que non era para tanto, solicitando diálogo co novo goberno.

Pero o mundo non se detén. Trump quere demostrar que os ten tan grandes coma o cabalo de Santiago. Ordena matar a un dirixente iraní destacado metendo o dedo nun avispeiro político en Oriente Medio que non sabemos como nin de que maneira van voltar as abellas á súa colmea. Parece que o americano, investigado no seu País de abusar do seu cargo en beneficio propio, pretende presentarse diante do electorado para un segundo mandato coma o máis fero e forte representante de “Fort American”.

Venezuela, aquel País que acolleu a tantos españois, sobre todo galegos, que tiveron que fuxir da Terra para non seren vítimas das gadoupas franquistas, está revolto. Agora resulta que ten dous presidentes da Cámara de Representantes. Eramos poucos e a avoa trouxo xemelgos.

Nós queremos, neste novo ano, desexarlles a todos os que teñen a amabilidade de ler as nosas reflexións sobre o momento que nos toca vivir, que todas as súas esperanzas se cumpran; que gozen dunha boa saúde, sobre todo mental, que con todos estes líos pretende voltarnos tolos a todos. Que gozen da familia, ese don preciado que non sempre atendemos como se merece; que reciban a debida remuneración polo seu traballo sexa este cal sexa; que poidan fuxir das gadoupas de empresarios insatisfeitos que só pensan en acumular riquezas. Que os Reis Magos nos que todos dicimos non crer pero que todos esperamos cada ano que nos traían algo, aínda que sexa unha gravata ou uns calcetíns. A todos nos fai ilusión, non os Reis Magos, pero si que se lembren de nós, especialmente nestes días morriñosos que tanto nos lembramos dos que xa non están connosco.

A todos lles desexo un Ventureiro 2020. Sexan felices.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»