• Segue conectado
  • |

Aí vén o maio…

Que me perdoe Curros Enríquez por utilizar parte da súa maxistral composición “O maio”.

Nestes momentos nós tamén estamos esperando un maio no que están concitadas todas as desgrazas e todas as nosas virtudes, que tamén temos algunhas.

“Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstamos”

Analicemos a situación actual tomando como referencia estes versos de Curros. Fala de atoparse de “donos liberto”, ou sexa, das ataduras ás que se vía, daquela, sometido.

Nós hoxe, a que estamos sometidos, atados? De que “donos” queremos liberarnos? Eu atrévome a numerar uns cantos.

En primeiro lugar algo que é determinante nas nosas vidas; temos que liberarnos da crenza de que non somos quen de liberarnos. Non é un xogo de palabras. Esta é a primeira atadura da que non damos saído crendo as prédicas oficiais a que somos sometidos: imposible aumentar o soldo mínimo dos traballadores porque se produciría unha hecatombe; igual coas pensións, que xa temos a hucha baleira e non sabemos como enchela; temos que consultar cos gurús da Banca que, igual que fixeron coas Preferentes, vannos aconsellar unha fórmula misteriosa, pero milagreira, que remata con todas as nosas inquedanzas.

Non podemos molestar á Banca con algún tipo de imposto (tipo taxa Tobi) que sirva para devolvernos os recortes con que Rajoy nos agasallou anos pasados para salvarlle os móbeis aos propios banqueiros. Ben, aquí teño que facer unha paradiña para informar, aos que aínda non se teñan decatado, que un deses gurús da Banca que tan ben nos aconsellan e que botou contra as rochas o BBVA, un tal Sr. González, vaise retirar, non aos cuarteis de inverno, senón aos seus chalets de paises cálidos, con piscina, xacusi, e demais confort para recuperar as enerxías que gastou durante os anos que estivo esquilmándonos, chuchándonos, pouco a pouco o sangue dos nosos aforros; retírase, digo,cun montón de millóns de euros de pensión vitalicia e outro montón como pagamento polos servizos prestados. Aquí non se produce ningún desequilibrio financeiro; aquí estase aplicando con todo rigor a fórmula legal e “lexítima” que lle corresponde pola súa importante e rigurosa xestión ao fronte da Entidade.

Curioso, non lles parece? Pero aos “españolitos que vienen al mundo”, en palabras do poeta, a eses non lles podemos ofrecer unhas faragullas cando, logo de currar durante anos e anos, teñen que deixar paso aos máis novos.

Dicía que non podemos soñar con recuperar tantos miles de milleiros de euros, que saíron dos nosos petos (mellor dito, que non entraron nos nosos petos) porque poden deixarnos orfos de Bancos e de Caixas de Aforro (aínda que algunhas por aí). Marcharíanse a outros “paraisos fiscais” aínda máis beneficiosos que os que nós aquí lles ofrecemos. A Banca, dinnos, non ten Patria; non é nacionalista; é depredadora e punto.

Porque, xa se sabe que un País sen bancos é un País de mortos. Ou sexa, un cemiterio. Xa son parte da familia.

Pero voltemos a Curros : “i o pan non me quiten, trabucos e préstemos”.

Agora os trabucos son moito máis modernos. Chámanlles ordes de desafiuzamento, ou sexa, a policía, coas súas modernas espingardas, cunha orde do xuiz na man ordenando o abandono dunha vivenda a quen foi vítima dos “préstemos” da banca ou de calquera “prestamista” de turno.

[...]

Páxina seguinte


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 9 Xan 2019.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies