• Segue conectado
  • |

Abrollos verdes.

O Concello da Coruña gosta de promover o comercio de proximidade mediante accións vinculadas con frecuencia á produción ecolóxica. Son feiras, exhibicións ou mostras cun valor sobre todo de sensibilización cara ó produto propio de calidade. Noutras localidades da contorna, coma Betanzos, estes eventos intégranse na dinámica económica e supoñen unha porcentaxe non desprezable das vendas minoristas locais.

A pasada fin de semana, acudimos ao mercado ecolóxico que se organiza dous domingos ao mes na Praza de España da cidade herculina. Alén dunha calidade garantida, sorprendeunos o nivel de profesionalidade da maioría das empresas presentes. Como factores comúns a todas elas, subliñaríamos a intención de diferenciación e mesmo innovación latentes malia a súa pequena dimensión.

Quizais a oferta cunha maior proxección sexa a da empresa betanceira Orballo dedicada a infusións e especias. Por riba do selo ecolóxico dos seus artigos, Orballo distínguese pola busca de produtos novos, pola produción propia, o deseño coidado e o esforzo comercializador. Presentes en máis de cen puntos de venda espallados por toda Galicia e outras catorce provincias españolas, seguen a lanzar novas referencias cada cal máis ambiciosa. En poucos meses presentarán un té sementado e crecido na Mariña coruñesa, disque o primeiro en solo europeo.

Bubela representa outro proxecto singular, neste caso lugués. Defínense como artesáns do cereal. Teñen dúas liñas de produto, as pastas (de algas, castaña, trigo, centeo, espelta…) e as cervexas artesás, co selo ecolóxico e a partir de cereal galego. Están presentes en distintos puntos de Galicia e xa outrosí en Asturias, Santa Coloma, Valladolid e Madrid. Vanse dando a coñecer paseniño.

Destacamos un terceiro proxecto, a cosmética Muuhlloa, que nace da colaboración de dúas empresas da bisbarra da Ulloa, a cooperativa Milhulloa e a Granxa Maruxa. A primeira achega as plantas milenrama e carraxenina, a segunda o leite ecolóxico das súas vacas. Engádenlle auga do Carballiño e así producen unha crema corporal de alta calidade a prezo ben accesible. Por certo, proxecto en feminino; as promotoras, todas mulleres.

Diferenciación, creatividade, calidade e distribución son os elementos da fórmula de éxito. Tamén o uso da lingua propia; a maioría utiliza o galego como idioma de comunicación. Saben que as linguas autóctonas supoñen un valor engadido para o consumidor do país e un carimbo de autenticidade ante o foráneo.

Amentamos Orballo, Bubela ou Muuhlloa por no poder dedicar un parágrafo a cada unha das empresas. Mais velaí comprobamos tamén a oferta magnífica de O forno das Candeas –artigos de castaña e cereal cun toque diferencial–, Amorodo –conservas vexetais ecolóxicas–, Nutre en Bio –horta ecolóxica galega–, Granxa Lousada –porco celta, ovella e horta tradicional–, DoSouto –produtos da castaña–, ou Galuriña —empanadas de algas–, entre outras.

Son exemplos a divulgar, imitar e apoiar. Necesitamos que medren, cooperen e se multiplique.


Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo de Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. Autor das novelas Pallarega, e A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
Publicado o 12 Abr 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies