• Segue conectado
  • |

Aberto o prazo de inscrición para as 102 prazas das dúas escolas infantís públicas de Tomiño

É o único concello da comarca que conta con dous centros de educación infantil. As solicitudes poderán entregarse ata o vindeiro 9 de abril

Tomiño | Xa está aberto o prazo de inscrición para acceder ás dúas escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos do concello de Tomiño, o único municipio da comarca que conta con dous centros de educación infantil públicos. O concello conta con dúas escolas Galiña Azul pertencentes á rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha en Tomiño e outra en Goián. Dende o Concello de Tomiño quérese animar a todas as familias con nenos e nenas desta idade a anotar aos seus fillos e fillas a inscribilos nestas escolas públicas, coas vantaxes que iso conleva.

Ata o 9 de abril os pais e nais poden solicitar algunha das 102 prazas (61 en Goián e 41 en Tomiño) que se ofertan nas dúas escolas, tanto de renovación como de novo ingreso. Este prazo ampliarase ata o 8 de maio para casos extraordinarios, como novos nenos e nenas nados nesas datas, cambios de domicilio… o que terá que ir acompañado da documentación que xustifique.

Ademais, cada curso resérvase unha praza por aula para nenos e nenas derivados dende os Servizos Sociais previa aprobación do Consorcio. A lista provisional con lista de inscritos e lista de agarda será publicada o 9 de maio.

Requisitos

As e os interesados deberán entregar toda a documentación no centro escolar que queiran escoller como primeira opción e na propia solicitude se marcan varias escolas por orde de preferencia, para que en caso de que non haxa prazas na primeira opción poidan derivarse a outros centros. Darase prioridade aos nenos e nenas empadroados e, se sobran prazas, repartiranse entre os que o seu pai ou nai traballa no municipio e, por último, para cativos e cativas de concellos limítrofes.

Tras esta primeira criba teranse en conta o baremo da Xunta de Galicia, no que se puntúa segundo situación familiar, laboral e económica. Aquelas familias que quedan en lista de agarda poden solicitar o Bono Concilia, unha axuda económica para poder matricular aos nenos e nenas noutros centros e que xa se pode solicitar nestes intres.

Con horario de 07.30 a 17.30 horas, os pais e nais poden elixir se ir en media xornada (catro horas) ou en xornada completa (máis de catro horas), que poden estenderse ata en dúas horas a maiores en casos moi concretos por incompatibilidade horaria das familias. Ambas as dúas contan con servizo de comedor.

Dous centros, sete aulas

Na escola situada no centro de Tomiño sete persoas (dúas mestras, catro educadoras e unha persoa de servizos xerais) se encargan de atender aos 41 nenos e nenas matriculados nas tres aulas coas que conta (0-1, 1-2 e 2-3 anos). “Eu recomendaríalle aos pais e nais que se animasen a vir, que moitas veces tense medo ao que se fai ou non na escola, pero os nenos e nenas veñen moi contentos e as familias teñen sempre as portas abertas”, explica a directora, Belén Domínguez.

Con metodoloxías de traballo “que se van adaptando aos novos tempos”, o alumnado que entra novo cada ano pasa un período de adaptación para que os nenos e nenas non acusen tanto o cambio.

En Goián, o total son 9 traballadores e unha cociñeira os que se encargan dos 61 nenos que teñen matriculados cada ano. Neste centro ademais dunha aula por idade, dispoñen dunha aula extra. Este ano era entre os nenos e nenas de 2-3 anos, que xa acaban o seu ciclo na escola, polo que o centro decidirá que aula duplica o vindeiro curso dependendo da idade na que se teñan máis solicitudes, como sinala o seu director, José María Torres.

Publicado o 24 Mar 2018 en Tomiño.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies