Aberta ata o 30 de abril a participación para decidir os usos dun futuro equipamento na Praza Maior

Ponteareas | A veciñanza de Ponteareas participou nos dous obradoiros de traballo que se celebraron no salón de plenos do Concello, como continuación do proceso participativo iniciado para a recollida de propostas e ideas, coas que dotar de usos e servizos, un futuro equipamento no entorno da Praza Maior, a través da rehabilitación e posta en valor, dalgún dos edificios actualmente abandonados que alí se ubican.

Para facilitar a participación ofreceuse un horario de mañá e outro de tarde nun acto de carácter aberto á cidadanía no que aparte de presentar e comentar os resultados dos primeiros cuestionarios online recibidos na web municipal, a través da ligazón participacioncidada.com/ponteareas, tamén se debatiron outras suxerencias e propostas relativas ao proceso de identificación e recollida dos posibles usos futuros que acollerá o equipamento anteriormente mencionado.

Dende o equipo redactor seguen animando aos veciños e persoas interesadas, en sumar as súas opinións ás perto de 90 enquisas online recabadas, a través do enderezo participacioncidada.com/ponteareas, e lembran que esta consulta dixital está aberta ata o 30 de abril aquí.