• Segue conectado
  • |

ABANCA, Afundación e o Concello de Ponteareas asinan un convenio de colaboración cultural

A iniciativa recolle o proxecto expositivo «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, que se poderá visitar a partir do 31 de maio no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas

sdr

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de asinar esta mañá un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. O alcalde do Concello de Ponteareas, Xosé Represas; o Director de Zona de ABANCA, Luis Martín Blanco; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, foron as persoas encargadas de ratificar, mediante rúbrica, a colaboración das entidades.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Como complemento didáctico, a Área Educativa de Afundación deseñou diversos obradoiros para os proxectos expositivos incluídos no programa «Corrente Cultural», adaptados ás idades dos escolares, desde primeiro de Infantil ata Bacharelato e Ciclos formativos. Así, os estudantes de Ponteareas desde Educación Infantil ata 3º de Primaria poderán participar na didáctica A auga e a vida, a vida e a auga; os de 4º de Primaria ata 2º de ESO en Lume, terra, auga e aire; e os de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos formativos en Auga, o sangue da terra. O teléfono de inscrición é o 986 333 210 ou o correo areaeducativa@afundacion.org.

«Auga. O sangue da terra», de entrada libre e gratuíta, poderase visitar a partir do 31 de maio e ata o 24 de xuño no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 h e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h.

A exposición “Auga. O sangue da terra”
«Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

Publicado o 13 Mai 2019 en Cultura, Ponteareas, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies