“A Xunta de Galicia faría un gran favor se decidise que o Día das Letras Galegas fose un día de festa pero laboral“

Francisco Castro, escritor, editor e director xeral da editorial Galaxia

O editor Francisco Castro (Vigo, 1966) ademais de ser un escritor de renome, vén de ser nomeado recentemente director xeral dunha das editoriais emblemáticas, Galaxia, en substitución de Víctor Freixanes. Estas circunstancias lévanos a manter unha conversa con el, co obxectivo de que nos comente os principais proxectos a curto e medio prazo na editorial, así como a súa visión da situación actual da cultura en Galicia.

 

En primeiro lugar, quero felicitalo polo seu nomeamento como director de Galaxia. Podemos pensar que esta decisión responde a un desexo de renovación e mirar cara o futuro. Como o vive vostede, como o interpreta persoalmente?

Moitas grazas. Si, é un exercicio de renovación xeracional. Teño 50 anos, que é a idade que tiña Víctor Freixanes cando chegou á dirección xeral de Galaxia. Co seu traballo prodúcese un salto cualitativo moi grande desta casa cara a modernidade. E eu o vivo con moitas sensacións que parecen distintas pero son a mesma. Vívoo como un orgullo, porque para calquera editor profesional deste país, dirixir a editorial Galaxia, probablemente é o máis alto que se pode desexar. E logo cunha enorme felicidade dende o punto de vista persoal, porque é un reto precioso; e cun gran sentido da responsabilidade.

Galaxia non é unha editorial sen máis, temos como forma xurídica unha sociedade anónima, pero non somos unha editorial sen máis. Non é esaxerado dicir que somos a institución cultural, non oficial, máis sólida que existe en Galiza.

Esta perspectiva fiaría coa “batalla optimista” da que vostede ten falado en diversas ocasións. Como defende esa liña á fronte da editorial?

Creo que non nos queda outra. Dende o inicio da crise pechan moitas librerías, as axudas institucionais nin están nin se lle esperan moito. E habendo 4 millóns de parados un dos primeiros consumos que se resenten é o consumo cultural e sobre todo o consumo cultural en galego. Temos uns índices de lectura absolutamente vergoñentos no Estado español, por moito que os políticos desde Madrid sigan falando da saída da crise. Pero o nivel de benestar dunha sociedade haino que medir polo número de bibliotecas que hai, polo número de librerías que hai abertas, polos libros que se len… Nesta situación que comina ao desánimo só hai unha posibilidade para saír, que é o entusiasmo, a batalla optimista. Cando os primeiros fundadores, nos anos 50, no franquismo máis duro, montan a editorial Galaxia eles si o tiñan complicado. Nós non o temos tan complicado. Se eles puideron, nós tamén podemos.

Máis dun 37% da poboación di que non leu ningún libro no último ano. Porén semella que as letras galegas viven unha época dourada, xa que se están publicando títulos fantásticos, entre as que figuran as súas obras, e as de outras autoras. Como podemos explicar esta dicotomía curiosa?

É unha traxedia que teñamos unha produción cultural das artes escénicas, da música e da literatura, de tan altísimo nivel e que a sociedade galega en xeral viva de costas. Un abre o twitter e ve xente celebrando que Amancio Ortega sexa un dos máis ricos do mundo, como se iso nos beneficiara aos cidadáns normais e correntes. Sen embargo, non damos presumido dos nosos creadores e creadoras, que no caso concreto da literatura están facendo unha literatura de moi alto nivel con recoñecementos internacionais moi potentes e cunha presencia moi forte noutras latitudes lingüísticas. O problema é que temos uns índices de lectura moi baixos e unha absoluta despreocupación política por esta cuestión. Non está na axenda política a cuestión cultural e moito menos a lectura. Queda moi bonito en campaña electoral; todos os partidos de todo o espectro político tócannos aos escritores e editores para que quedemos ben na foto. Pero despois non están para nós. Agás algunha política amiga miña, xa retirada, de enorme cultura e intelixencia, en xeral a clase política é especialmente inculta, polo tanto non teñen o libro como un dos seus intereses.

Neste sentido ten comentado que o problema é que “non se percibe ler como un valor”. Como encauzaría vostede unha hipotética solución?

Nos países civilizados, en América Latina, no norte de Europa, directamente o IVE cultural non existe. Que o IVE cultural fora do 21 por cento era unha manobra clara e descarada para evitar o consumo de cultura. É necesaria toda unha revolución cultural a prol da dignificación da cultura. Isto faise desde a escola, coa baixada do prezo dos libros, e obrigando aos medios de comunicación a ocuparse da cultura, por exemplo. Malia ser eu o director xeral dunha empresa editorial, sempre poño o acento non na necesidade de vender libros, senón na necesidade de que a xente lea. Se a xente le, a xente vai mercar libros. Se a xente sabe apreciar a música, máis alá dos reality parvos da televisión, van ir aos concertos.

A principios de xaneiro explicaba nunha entrevista que esperaba que en breve se notasen algúns cambios pola súa chegada á dirección xeral de Galaxia. En que fase están proxectos como o Premio Illa Nova de Narrativa?

O Premio Illa Nova acaba de lanzarse e cónstanos que hai escritores e escritoras novas moi ilusionados e traballando. Este premio é unha declaración de intencións. Eu quero que Galaxia, ademais de ser a casa dos clásicos e dos autores e autoras consagrados, sexa unha fiestra aberta por todas partes para que haxa unha corrente de renovación importante. Isto tamén se nota no plan editorial deste ano, onde vai haber moitas voces novas, que debutan. Por exemplo, a finais deste mes sairán os tres primeiros títulos da colección literaria deste ano: o Premio Blanco Amor, que este año o gañou Miguel Anxo Fernández; e dúas autoras novas, Ana Cabaleiro e Enma Pedreira. Na nómina de autores e autoras de Galaxia hai unha pluralidade de voces da que eu, como editor, me sinto especialmente satisfeito.

Hai un mes constituíase Mar Maior en Arxentina. Semella un proxecto ambicioso, como se está a desenvolver neste momento?

Con todas as dificultades que ten montar un proxecto novo pero coa constancia necesaria para que teña éxito. Na Feira do Libro de Bos Aires do ano pasado, onde Santiago era a cidade convidada, foi a presentación en sociedade do proxecto Mar Maior.

Feita a festa inicial, agora toca poñer os pés no chan e xa está constituída formalmente a empresa, na que nós temos a maioría do accionariado, pero a miña idea é que sexan os compañeiros e compañeiras de alí os que lideren a edición dos títulos que publiquemos alí. Van ser libros en clave galega e dirixidos á colectividade galega e aos descendentes que seguen necesitando ese cordón umbilical, e a través da literatura pódese facer.

A convivencia entre o libro de papel e o formato electrónico é un feito, e aínda que non semella fácil a relación, é evidente que nela está o presente e o futuro inmediato. Como o afronta vostede desde a editorial?

Temos que afrontalo con realismo. Onte lía un artigo moi gráfico no seu titular, algo así como “Por que o ebook non deu o sorpasso ao papel”. E non é só que non llo dera, senón que está en franco retroceso. Dende hai dous anos, a venda de ebooks é a baixa, e o que sentimos no Estado español é que hai unha certa contradición entre o aumento da lectura dixital e a venda de produto dixital. Isto, traducido, quere dicir que se vende moito e se vende de balde.

O ebook non termina de arrancar porque na industria editorial non vemos un modelo de negocio claro. Primeiro polo costume do pirateo e a falta de vontade política de erradicalo. Ademais a xente non ten asumido que igual que se paga por ir ver o Celtiña tamén hai que pagar por consumir cultura. Pero a miña ambición é que, nun prazo razoable, todo o que é literatura non infantil poida saír ao mesmo tempo en papel e en formato electrónico.

Por que considera negativo para a cultura galega o feito de que o Día das Letras Galegas sexa festivo?

Penso que desactiva a mobilización. No Día das Letras Galegas só hai un gran beneficiado do feito de que sexa festivo, que son as axencias de viaxes, que teñen un paquete marabilloso que se chama “Día de las letras gallegas”. Ao ser festivo, pillarnos en primavera e dado o moito que traballamos, é un convite a coller o coche e marchar á praia ou o monte, non para gravitar e organizarnos socialmente nunha festa arredor do libro.

Coma sempre o modelo é o San Jordi Catalán, onda toda a sociedade o ten como un gran día, un día laboral, pero no que hai que destinar parte das enerxías e do tempo ao mundo do libro e do libro en catalán. Creo que a Xunta de Galicia faríanos un gran favor, xa non as editoriais ou os libreiros, senón ao país enteiro, decidindo que sexa un día de festa pero laboral.

Precisamente o Día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Carlos Casares, que foi director de Galaxia de 1986 a 2002. Como conmemora a editorial este acontecemento tan relevante?

O Día das Letras Galegas é crucial para as editoriais e todos facemos un esforzo terrible, no sentido positivo de actualizar as obras e sacar produtos interesantes. Obviamente cando o ano pasado recibimos a nova de que o 2017 sería para Carlos Casares a nosa ledicia foi inmensa, porque ademais de ser Carlos Casares un dos autores máis importantes da literatura galega, non se entende Casares sen Galaxia, nin Galaxia sen o traballo de Carlos Casares.

Isto implica, para nós, reactualizar toda a súa obra. Ademais vaise publicar a biografía escrita por un amigo íntimo, como é Henrique Monteagudo, así como libros que recuperan textos dispersos de Carlos Casares, xa que foi un autor moi prolífico. E a día de hoxe temos xa previstas dúas campañas de animación á lectura, nas que imos mover máis de 15.000 escolares arredor da Galiña Azul. Non nos chega sen máis actualizar a Casares, temos que colocalo no seu lugar de ouro dentro da literatura galega e para nós é crucial chegar aos primeiros lectores, xa que el creou a colección Árbore.

Falando de escribir, supoño que neste ano ou no seguinte, vostede nos dará a alegría de ter nas nosas mans un libro seu…

Fun nomeado o 26 de decembro, e ese día non escribín, pero ao día seguinte si; e onte escribín tres horas. É dicir, teño moi pouco tempo, pero o pouco que teño é tamén para escribir, porque senón eu non sería eu. Levo escribindo desde os 14 anos, que a poesía foi o consolo para a tristura que sentía porque unha compañeira de clase da que eu namorei ela de min non, pero a min serviume para descubrir que a través das palabras era capaz de explicarme. Entón, neste 2017 non haberá novidade, porque toda a miña intensidade ten que estar ao servizo da editorial Galaxia, pero sen dúbida no 2018 haberá nova novela para o público adulto.

Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Share on LinkedInEmail this to someone
Escrito por o 17 Feb 2017. Publicado en Entrevistas, Portada. Podes seguir calquera resposta a este artigo a través das RSS 2.0. Os comentarios e pings están pechados neste momento.

Os comentarios están pechados

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. PECHAR