“A proximidade co público axuda a dar aura de cinema de toda a vida”

Víctor Paz | Responsable do Cinema Dúplex

A desaparición de salas de cinema en capitais de provincia así como noutras cidades e vilas, está deixando un deserto cultural en moitas áreas de Galicia. Ferrol estaba apiques de perder a última sala que lle quedaba, Dúplex, ata que unha iniciativa da antiga xerencia xunto co apoio da sala compostelá Numax, renovou a faciana de Dúplex e comezou unha nova andaina en outro de 2019. Cunha aposta diferente en canto filmes que se proxectan, pola versión orixinal e polas proxeccións diarias, o cinema de barrio parece querer manterse na cidade departamental.

Como e de quen naceu a idea de continuar cos cinemas Dúplex de Ferrol?
A sala estaba a piques de pechar e o antigo xerente propúxolle a Ramiro Ledo, da sala Númax en Santiago, quedar el co cinema. Ledo decidiu coller as dúas salas e poñelas en marcha baixo unha nova xerencia. Xunto a isto, darlles un aire renovado, cunha liña un tanto distinta e que segue tamén a aposta polo cinema de autor e o cinema independente en versión orixinal.

Cales eran os motivos polos que Dúplex estaba para pechar?
Por falta de público, que é algo que estamos tendo en moitas cidades. Realmente, se se observa ben, hai moitas capitais de provincia en España que quedaron sen cinemas. Quizais porque hai modelos de negocio cambiantes, adaptarse aos novos tempos é difícil para unha sala pequena realizando un investimento, por exemplo para renovar os equipos de proxectores dixitais non é fácil. Aquí non existen axudas específicas para as salas de cinema, como existen noutros países. Se o número de espectadores non permite manter un nivel de gastos mínimos, a sala non pode seguir.

Contastes con axudas oficiais para levar adiante o proxecto de Dúplex?
De momento non existe ningunha axuda oficial. Existía unha do Concello de Ferrol, que neste momento é inexistente, mais esperamos retomar o ano que vén esa colaboración. Si pediremos axudas europeas para tentar entrar na rede Europa Cinemas, como xa está Númax, mais iso precisa de cumprir cun número determinado de espectadores por ano, cotas de filmes europeos e esperamos poder chegar a iso. Só levamos tres meses abertos e é moi cedo para adiantar o que pode entrar o ano próximo.

Se non houbo axudas oficiais, foron as achegas de socios e socias o que permitiu pór en marcha Dúplex?
Temos unha política de socios que funciona todo o ano. A xente pode abonarse por distintas cantidades, hai varias modalidades. Calquera tipo de abono permite vir por catro euros ao cinema, que é un prezo reducido. Así queremos fidelizar o público. Levamos xa case de 300 abonos que para tres meses e medio di algo moi positivo. Durante o ano vemos que son fieis porque aínda que non contamos cunha gran cantidade de abonados, si que é certo que a xente abonada vén dúas veces, ou tres veces por semana. A nivel de fidelización si que estamos moi contentos.

Á parte de Dúplex, quedaba algunha outra sala en Ferrol?
Hai unha sala en Narón, que está moi perto, mais dentro da cidade de Ferrol non quedaba nada. Nós tamén podemos convivir perfectamente con cinemas máis comerciais, porque o modelo de negocio é moi diferente. Falamos de salas en centros comerciais, con diversos filmes comerciais fronte a un cinema que aposta pola produción independente, unha sala de proximidade, nós non contamos con tantos recursos técnicos mais si ofrecemos outros contidos para que a xente veña. Ademais, nós non traballamos só para Ferrol, trababallamos para toda Ferrol Terra. Hai abonados de Pontedeume, Neda ou Valdoviño e de toda a contorna. Traballamos para toda a comarca.

Como é a contorna onde está situada a sala?
É un barrio obreiro que non está situado no centro da cidade aínda que as distancias en Ferrol son curtas, pódese chegar desde o Concello en cinco minutos. Por tanto non estamos falando dun lugar que estea lonxe. Con todo, o barrio onde estamos ten unha idiosincrasia propia e que á sala lle vai moi ben porque en certa medida a proximidade co público axuda a dar aura de cinema de toda a vida e está integrado na cidade.

Como é o perfil medio da persoa que se achega a Dúplex?
Pois está vindo de todo tipo. Existe moito público xubilado, algo que acontece en todos os cinemas de España porque teñen tempo e inquietudes culturais ademais de viren durante a semana. Tamén veñen moitos estudantes da universidade para ver filmes de xénero ou que teñen afinidade con esas idades. Durante as fins de semana o público é moi diverso. Non creo que traballemos para un público concreto, a nosa vontade é ter un público diverso e que o Dúplex sexa un cinema para todo o mundo.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.