• Segue conectado
  • |

A obra denunciada pola Xunta de Galicia contaba co seu permiso verbal

Salceda de Caselas | A Alcaldesa de Salceda de Caselas, ante a comunicación emitida pola Xunta de Galicia a través dos medios de comunicación, trasladou que o Concello de Salceda actuou en todo momento en contacto coa Xunta de Galicia, contando con permiso telefónico e verbal do vixiante de zona para acometer a mellora, e solicitando o permiso por escrito tal e como se comprometeron. Así mesmo, dende o Concello tense xa solicitado o traspaso da titularidade do vial, polo que a Xunta quedaría libre de calquera tipo de responsabilidade á que agora fan referencia. Sen embargo a Xunta de Galicia emprega a prensa como canle de comunicación, trasladando por este medio a apertura de expediente sancionador ao Concello, feito que a día de hoxe non consta por ningún outro medio que non sexa a prensa.

Dende o Concello de Salceda amosaron a súa sorpresa ante a presunta apertura dun expediente sancionador polo feito de solucionar un problema de acceso da veciñanza da parroquia de Entenza fundamentalmente. O acceso perigoso á glorieta que menciona a Xunta de Galicia non se modificou por parte deste Concello, e leva así máis de dúas décadas, sendo a Xunta a responsable do mesmo durante todos estes anos. Sorprende que non se desen conta desa suposta perigosidade xusto ata o momento no que o Concello de Salceda solicita actuar no vial, e que agora si, decidisen actuar no mesmo e obstaculizar o acceso e saída dos vehículos que o empregan.

Con esta actuación a conclusión é que ante a derrota do Partido Popular de Salceda nas últimas eleccións locais e a formación dun novo goberno de esquerdas, a Xunta de Galicia decide ignorar a premisa fundamental do principio de colaboración entre administracións, e entorpecer deste xeito as actuacións que poidan favorecer a veciñanza de Salceda, que terá que pagar por motivos políticos coa complicidade do Partido Popular de Salceda.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, amosouse satisfeita por unha obra que soluciona un problema da veciñanza, incidindo en que as cuestións políticas non van priorizarse en ningún momento sobre os intereses dos veciños e veciñas de Salceda. “Agradecemos enormemente a colaboración dos propietarios dos montes lindantes, que cederon os seus terreos e facilitaron os traballos en todo momento polo ben común da veciñanza. Agardamos que xa que a Xunta de Galicia conta con toda a documentación precisa enviada dende o Concello resolvan tanto o permiso como a cesión da titularidade de xeito favorable canto antes”.

Publicado o 22 Ago 2019 en Portada, Salceda, Urbanismo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies