• Segue conectado
  • |

A industria forestal.

Disque o goberno galego de Núñez Feijoo ten preparado un novo Plan Forestal que xubile o actual e impulse o cultivo de especies autóctonas

Non cremos que se presente este novo Plan tendo á vista as eleccións. O Partido Popular quererá evitar calquera posible conflito cos colectivos ou empresas que se consideren prexudicados. Seica hai un traballo feito durante dous anos que non chegará a cristalizar agás que o PP revalide a maioría absoluta. En calquera caso, o novo goberno deberá enfrontar unha revisión a fondo da política forestal ata agora vixente en Galicia a cal desprezou dun xeito irresponsable as posibilidades de desenvolvemento económico que xera o bosque e o rural no seu conxunto.

Nunha entrevista de hai unhas semanas, o presidente do Clúster Galego da Madeira advertía ante o anuncio do novo Plan Forestal de que “non se pode reducir o cultivo do eucalipto por debaixo das necesidades da industria”, unha frase que resume a cegueira existente no país en torno a este asunto capital para o noso futuro.

Outras frases da entrevista representan unha declaración de intencións a ter moi en consideración. Di o presidente do Clúster, por exemplo, que “a ninguén se lle escapa que o sector en Galicia pivota sobre o piñeiro e o eucalipto” e que “a industria transformadora está baseada no que crece en Galicia”. A frase resulta inaudita: en Galicia medran as especies propias, as que están adaptadas ao seu medio natural, como en calquera outra parte do mundo; piñeiro e eucalipto son especies alóctonas que medran aquí porque houbo quen as trouxo doutros lugares do planeta.

Insiste o presidente do Clúster galego: “Non podemos masificar o cultivo de eucalipto, pero tampouco reducilo por debaixo das necesidades da industria… O eucalipto é unha madeira que ten moi boa acollida no mercado, e non podemos ser alleos a iso.” Imos ver: en Finlandia, caso paradigmático de éxito da industria forestal, un 97% das especies que se cultivan son autóctonas, e o eucalipto que necesitan impórtano de China.

O xornalista pregunta a continuación sobre as leccións que se poden tomar de países como Finlandia, precisamente, ante o cal o numantino presidente se defende: “Galicia ten as súas particularidades… Inda que se analizaron as boas prácticas que existen noutros países, ao final o que tes que facer é mirar para dentro e ver o que tes”. Non parece que haxa unha grande vontade transformadora.

O que temos nós é unha terra propicia para a produción agraria e pasto e para o crecemento de especies forestais autóctonas. Temos unha celulosa que afaga a explotación natural dunha ría que noutro caso sería fonte de riqueza. E temos unha paisaxe estragada pola masificación absoluta dunha especie foránea que esquilma ademais a fauna e a flora autóctonas. Somos unha das rexións europeas con menor dedicación proporcional de superficie produtiva agraria e cun sector forestal de rendemento extraordinariamente inferior á media da Unión Europea. E somos unha economía cun paro próximo ao 20% incapaz de xerar traballo para a xente nova que se incorpora ao mercado laboral.

Pola contra, Finlandia, o exemplo que estamos a manexar, cunha poboación que nin sequera duplica á galega, exporta 11.000 millóns de euros de derivados da madeira, e conta con 49 empresas de papel ou cartón, 16 de polpa ou celulosa, 36 serradoiros, 12 fábricas de chapa e 63 de mobles, as cales en conxunto dan traballo a 52.000 persoas. Todo iso a partir, como diciamos, dunha masa forestal formada no seu 97% por especies nativas ou autóctonas.

A política forestal e, concretamente, o tratamento á invasión descontrolada do eucalipto é motivo de frecuentes debates en Galicia que terminan por esmorecer sen que o rumbo cambie. Neste artigo de Abril pasado, dábase conta dunha interpelación do BNG para limitar a plantación de eucaliptos en Galicia que contou coa frontal oposición do Partido Popular. Hai que dicilo alto e claro, hai que insistir ata a toma de conciencia por parte de todos: ou reducimos á presenza do eucalipto cando menos un 50%, ou a economía galega, tan necesitada de crecemento eficiente da súa produción agraria, forestal e industrial, terá firmado a súa condena posiblemente definitiva.


Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo de Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. Autor das novelas Pallarega, e A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
Publicado o 5 Xul 2016.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies