• Segue conectado
  • |

A importancia dunha aula dixital

Ramón Rodríguez Palleiro | "Moncho do Orzán"

Francisco Puñal Suárez | Ramón Rodríguez Palleiro , “Moncho do Orzán” (A Coruña, 1985) é un mozo inquedo e preocupado pola cultura galega, a música deste país e tamén pola docencia das novas tecnoloxías dixitais.

Formouse no mundo da gaita da man dos mestres Raúl Galego e Ricardo Santos. Foi vogal da Asociación de Gaiteiros nos anos 2004 e 2005. Antigo membro do quinteto Os Cataventos e do grupo folque Barallete. Tamén ten colaborado musicando espectáculos coa Compañía Femme Fatale e co Grupo de Teatro da A.C. Alexandre Bóveda. É corista, actor e arquiveiro de Cántigas da Terra. Investiga o pasado e o presente dos Coros Galegos, poñendo de relevancia a súa importancia dentro da cultura propia. Forma parte, ademais, do colectivo poético-musical In Nave Civitas e actualmente estuda cuarto curso do Grao Profesional de Acordeón.

Gradouse en Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e agora, coa creación das Aulas Tecnolóxicas m8factorial, radicada na Rúa do Socorro 55, na Coruña, tamén emprega a docencia como unha arma de futuro para espertar a arela de coñecemento en nenos, mozos e adultos.

Moncho, cales son os obxectivos de m8factorial?

Cando os meus pais e avós eran cativos construían os seus propios xoguetes, no entanto eu xa fun de mercalos feitos. Por iso un dos obxectivos de m8factorial é que as novas xeracións volten construír e crear de cero brinquedos novos, incorporándolles elementos da tecnoloxía do século XXI, como a robótica. Este camiño permítenos situar a creatividade como eixo da aprendizaxe. Fronte a obriga memorística imposta nos plans de ensino reglado, nós propoñemos a experimentación como o camiño lóxico para aprender: interactuar, emocionarse e, polo tanto, lembrar.

Que tipo de obradoiros impartides?

Para os máis novos (6-9 anos) temos a Factoría de Inventos, un espazo para coñecer os principios básicos da ciencia e da matemática: desde facer xirar un motor homopolar até facer bailes cos graos da circunferencia! E, por suposto, construímos xoguetes con materiais da natureza para logo programalos e movelos mediante puzzles, como un brazo robótico en madeira con motores.

Dos 10 anos en diante, o alumnado pode escoller entre robótica & gadgets e programación de videoxogos. En robótica afondamos na construción de artefactos saídos do maxín colectivo, empregando tecnoloxía reciclada (motores de impresoras vellas, ordenadores en desuso, imáns de microondas, etc). En programación creamos un videoxogo completo, realizando guiados e en equipo todo o proceso creativo: guión, deseño gráfico, código e presentación.

Cales son aqueles dos que as nenas e nenos máis gostan?

Certamente hai para todos os gostos. Hai quen prefire crear unha aventura e debuxala para logo incluíla nun videoxogo e a quen lle presta inventar e construír novos trebellos robotizados. Até o momento, aquel que máis éxito atinxiu foi a arpa láser: un marco de madeira con láseres que ao interromper o paso de luz fan soar cadansúa nota asociada, un instrumento musical tecnolóxico e artesán a un tempo.

Por que é importante, ao teu ver, fomentar este tipo de ensino?

Principalmente porque contribúe, como xa comentei antes, a unha aprendizaxe non memorística (senón emocional), baseada na experimentación. Ademais, dado que o noso presente está cheo de desafíos científico-técnicos e socio-culturais, cómpre formar novas xeracións con sólida formación humanista onde a ciencia e a tecnoloxía, empregada no ben común, son a cerna no progreso da sociedade. Nesta liña de pensamento fomentamos o software e hardware libre, a reciclaxe, a construción con materiais da natureza, o coidado e o coñecemento do entorno e outros aspectos esenciais como a integración ou a diversidade lingüística (incluíndo a lingua de signos).

Que próximos obradoiros ides realizar?

Cara o verán organizaremos, entre outros, un obradoiro de construción de instrumentos musicais tanto artesanais como impresos en 3D e tamén cursos para formación do profesorado en robótica e programación.

Como compatibilizas a túa faceta como músico e estudante de acordeón con esta actividade docente?

Unha boa planificación, constancia e unhas enormes ganas de estar sempre coa mente activa son claves para combinar as distintas facetas. Se ben a docencia esixe xerar novos contidos arreo e a música demanda regularidade, ambas en complemento establecen unha sinerxia máxica para o fomento da creatividade.

Publicado o 16 Mar 2017 en Entrevistas.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies