• Segue conectado
  • |

A historia fala!

Que a nosa sociedade non saiba que facer ou, sequera, para que serve a Nosa Historia é un eiva notable. É a proba da escaseza e pouca destreza que temos para buscar solucións e para que o porvir chame á nosa porta, sendo autores ou protagonistas do presente e, polo menos, mediadores dun futuro en confianza. A Historia é unha arte e unha ciencia, é algo que nos concirne a todos afectándonos directamente, é semente para avanzar no coñecemento e recoñecemento, para descubrir aspectos insospeitados dos asuntos que nos interesan e atinxen, das solucións que debemos propoñer, a nai de todas as ciencias: a deostada experiencia. Mesmo posúe un valor descritivo, pola reiteración e práctica dos erros e pola necesidade que temos de saber poñerlle freo a tanto abuso, abuso por parte dos aproveitados de turno, cíclicos eles e persistentes. De aí a obriga da Lei e da confianza no reparto xusto. É o que se chama aplicación práctica do saber, resulta tan evidente que temos abondosos exemplos para que se poida dar unha solución humana aos desequilibrios dun sistema malo ou mal aplicado, da avaricia, dos enganos, da usurpación, …dos personaxes que non respectan a sociedade mesma ou o grupo no que viven, empregando hábitos miserables. Nesa mesma sociedade que ignora agora a súa Historia –con responsabilidade dos mesmos que gobernan e tapan, dos medios de comunicación que menten e solapan, dos poderes de turno e das xustizas lentas que xa son inxustas por actuar fóra de lugar e tempo. Cumpriría, polo menos, ensaiar algunha hipótese para non “volver” caer e tropezar nas mesmas pedras. Todo isto vén en ciclos que se repiten, que volven e píllannos sen intención de aprender das experiencias pasadas, non lembradas. Esquecemos con moita facilidade, somos vítimas da volatilidade dos recordos, estamos feridos na memoria. Quizais chegaría con enunciar o que acontece, verbalizar os feitos e adoptar unha postura de loita contra o abuso mercantil, especulativo e de aparencia ornamental. Sería bo enunciar un modelo contra a sociedade de consumo non sostible e abusivo: o vicio devastador de ter moito, rompendo a cohesión social e o reparto (uns moito, outros tan pouco), do entendemento, desintegrador e desmotivador, incomprensivo e intolerante, desamparador no social e educativo, no sanitario, nas prestacións sociais básicas. Este sistema é inxusto e seguirá a selo e queren derrubar e destruír todo canto sexa público e común. E quen? Pois os que se amparan no poder para xerar pobreza e crear grupos hexemónicos que confunden o valor das cousas co seu prezo, que poñen prezo a todos os valores adquiridos e asentados no tempo, nos sentimentos, na paz, no benestar. Estes que gobernan colocándose –claro está- como hexemónicos. Propoñen máis leis, novas leis, que debiliten o coñecemento humanista e fan exercicio práctico da ofensiva, alí onde máis doe, aos máis pobres, á xente do común. Dan golpes quitándonos dereitos, culpándonos, mentindo e disfrazando aos verdugos, domeando as vontades, traballando os medios informativos para deturpar a realidade. Así fan o que fan coa educación pública, cos servizos sanitarios, coas proteccións sociais. A cambio aportan apoio á Banca, escandalosa de comportamentos, á Patronal do pufo, xúntanse os que rouban para repartir!

Onde quedou aquilo da formación de futuros cidadáns con criterio, libres, que coiden o legado cultural que a nós chegou, os dereitos humanos, o respecto e entendemento. Haberá que preguntarse para que servimos se non somos quen de aprender da Historia. Esa mesma Historia que afirma o pensamento, a xustiza, a arte, o equilibrio, as ideas, a Liberdade! Necesitamos limparnos e apaciguar o desacougo volvéndonos máis humanos, máis pegados á terra, máis afectivos a nós e menos á “prima de riesgo”.Quizais faga falta dicir non e cortar de raíz as cadeas. Quizais faga falla un pouco de amor, para volver estimar as verdadeiras prioridades da vida e, se cadra, cambialas por outras que nos axuden a tender a man, a aprender da Historia para facer Historia.


Mestre e músico.
Publicado o 16 Ago 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies