A Guarda renova o Compromiso de Calidade Turística SICTED

A renovación deste distintivo entregarase no transcurso da Gala de Turismo que se celebrará no vindeiro mes de marzo.

A Guarda | O Concello da Guarda ven de recibir a notificación da concesión un ano máis do distintivo do Plan de Calidade SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos). Unha vez celebrado na Secretaría de Estado de Turismo o Comité de Distinción o pasado día 15 de decembro, no que se analizan os resultados da avaliación final, envorcados a través da plataforma informática, os requisitos obrigatorios que se debían cumprir en canto a formación, participación en grupos de mellora, autoevaluación, etc., así como a participación e involucración no Plan de Calidade SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), o Concello da Guarda resultou novamente distinguido co “Compromiso de Calidade Turística”,

Este distintivo busca o obxectivo común para todos os que forman parte do destino turístico “Provincia de Pontevedra-Rías Baixas”, de crear un destino de calidade para ser competitivo e estar á altura dos principais destinos turísticos.

Neste senso, a Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño contan dende 2010 co distintivo SICTED. Este recoñecemento ven acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes.

Sobre o distintivo
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.

A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha evaluación anual de seguimento.