A Fariña e O Farelo desta nosa sociedade.

Anos ha tivemos a honra de dirixir unha publicación que se chamaba A PENEIRA. Publicación que acadou importantes cotas de notoriedade no mundo informativo galego, en galego, claro. Hoxe pode lerse na Biblioteca Nacional Galega sita en Monte Gaiás . Alí está a disposición de quen queira reler as súas páxinas a carón doutra publicación histórica, A NOSA TERRA. Curiosamente son as dúas únicas publicacións a disposición do público , que non son xornais diarios. Aquela publicación primixenia ofrecía aos lectores outros complementos que tamén acadaron altas cotos de interés informativo. Refírome ao Suplemento Cultural KALAIKIA e ao Suplemento de Humor O FARELO.Ambolos dous dirixidos por xornalistas profesionais e competentes aos que quero dende aquí render o meu tributo ao marxe doutras consideracións que non veñen a conto. Dí o dito “O cortés non quita o valente”. Que así sexa.

O espíritu de A PENEIRA, ademais de confirmar que xa nos anos oitenta, existían lectores de xornais en galego, era o de “peneirar” o acontecer daqueles momentos. Asi o fixo nos seus case 30 anos de vida. En paralelo a esta pretensión corría o Suplemento de Humor O FARELO. Aquí debo recoñecer e agradecer a sermpre amable disposición de tantos e tantos humoristas galegos e ainda doutros países, sobre todo cubanos e portugueses, que nos ofreceron mes a mes a súa visión crítica do mundo. Un mundo que pretendíamos mellorar “pasándoo pola Peneira” e mostrando aos nosos lectores, ademais, “o farelo”; ese outro compoñente do noso millo (producto emblemático da Terra Nosa) presente na sociedade en demasiada abundancia.

Está claro que, a pesares dos nosos propósitos, A PENEIRA non deu feito o inmenso traballo que lle tiñamos encomendado. Tivo que retirarse na espera de mellores tempos, tal vez; pero aquel espíritu rebelde que lle deu vida non desapareceu. Hoxe botamos man de O FARELO coa sá intención de teimar mostralrle aos nosos lectores que segue sendo necesario, eu diría que urxente, separar a fariña do farelo. Hai capas sociais empeñadas en aumentar os buratos da Peneira social para que pasen montedumes de farelos que se nos queren facer colar como se foran fariña, como se fora oleo; esa fariña fina que se apartaba nos muiños para facerlle papas aos nenos da teta cando comenzaban a comer. O FARELO nace para desempeñar un doble traballo: peneirar e apartar o farelo social. Peneirar e denunciar tantos “chourizos” colgados das nosas vidas como lapas que non nos deixan respirar. Que nos teñen afogados en débedas provocadas por eles mesmos; que seguen actuando como samesugas insaciables que non paran en barras ainda vendo como destrúen este mundo xa de por sí moi tocado.

Aí estaremos contando coa axuda, coma sempre, dos nosos amigos humoristas, aos que xa dende este momento quero render pleitesía polo que están facendo, polo que nos axudaron a facer e polo que, iso contamos, estou seguro que nos van axudar a seguir facendo. Sen eles, sen a sáu xenerosidade, está claro que nada poderemos facer. Esles sábeno, nós sabémolo e nesa complicidade sana espero que poidamos encontrarnos.

Axúdennos a separar a fariña do farelo porque cada día que pasa o noso pan está cada vez máis adulterado.

Saúdos e seguimos na loita.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»