A Deputación de Pontevedra finaliza o acondicionamento da estrada EP-5003 en A Lomba, Arbo

A institución provincial destinou a este proxecto preto de 200.000 euros

Arbo | A Deputación de Pontevedra ven de concluír as obras de acondicionamento da estrada EP-5003 no lugar de A Lomba, no concello de Arbo. Nestes traballos, a institución provincial abordou a renovación da pavimentación desta vía así como a dotación de servicios no devandito lugar.

A obra, que tiña un presuposto de licitación de 233.091,59 euros, fora adxudicada á empresa “Excavaciones y Construcciones Pérez Portela S. L.” por 184.608,54 euros. Entre outras actuacións, o acondicionamento incluíu a renovación das sendas peonís, así como da rede de abastecemento e a súa dotación nun treito en que non existía, coa execución dun pozo de bombeo. Tamén se dispuxeron canalizacións para a rede de telecomunicacións e de enerxía eléctrica e a dotación de iluminación con luminarias LED. Por último, abordouse a sinalización horizontal e vertical nesta zona.