A Corporación debaterá este martes a aprobación do convenio coa Xunta e ADIF para a execución da pasarela da intermodal

Na mesma sesión deberá aprobarse a rectificación do anexo de investimentos plurianuais dos orzamentos de 2018, que incluía un erro na partida prevista para esta obra no ano 2019.

Santiago de Compostela | A Xunta de Goberno aprobou hoxe a corrección dese erro, polo que na proxección orzamentaria da actuación figuraba unha partida de 721.800 euros para a obra en 2019, e non os 1.291.800 euros contemplados no convenio. O alcalde reiterou hoxe que “durante o proceso de negociación do convenio as cifras foron variando, e a incluída nos orzamentos de 2018 era a que figuraba nun borrador do acordo que posteriormente fora modificado”. Martiño Noriega lembrou ademais que “o único orzamento en vigor é o deste ano, e as proxeccións orzamentarias para vindeiros exercicios non deberan impedir a aprobación do convenio por parte de todas as administracións implicadas”.

O convenio que podería aprobar a Corporación municipal o próximo martes xa foi ratificado polo Consello de Ministros no pasado mes de abril. Trátase do acordo para a execución da plataforma peonil vinculada á intermodal, que comunicará a estación do ferrocarril coa de autobuses e que, ao tempo, mellorará a conectividade entre o Ensanche e o barrio de Pontepedriña. O proxecto ten un custo estimado de 5,9 millóns de euros, dos que o Concello achegará 1,7 millóns de euros. A achega da Xunta será idéntica á municipal, e ADIF financiará, con fondos europeos FEDER, 2,3 millóns de euros.