• Segue conectado
  • |

A Biblioteca Galega de Bos Aires acolle o próximo sábado unha xornada de debate sobre os medios en lingua minorizada

A Biblioteca Galega de Bos Aires ‘Antonio Pérez-Prado’ organiza o próximo sábado, 31 de marzo, unha xornada de reflexión e debate sobre ‘A defensa dos medios masivos de comunicación en lingua minorizada’, que será coordinada pola licenciada en Letras, Susana Blanco Nigro.

Con entrada libre e gratuíta, este encontro desenvolverase dende as 19.00 horas na sede da biblioteca, situada no primeiro piso de Chacabuco 955, no barrio porteño de San Telmo. As expositoras serán Silvia García Mirón (Universidade de Vigo) e Cecilia Martínez Salvatierra (Universidade de Bos Aires).

A coordinadora da reunión destaca que “a intención é reflexionar sobre a necesidade da existencia de medios de comunicación en lingua minorizada dende diferentes ámbitos”. “Buscaremos analizar o lugar que ocupan os medios na sociedade actual, e tamén a súa posible función na defensa da lingua galega”, subliña.

Nese sentido, Blanco Nigro remarca “notar, con certa alarma, a avanzada que sofren os distintos medios de comunicación en lingua minorizada no mundo, principalmente en Galicia”. “O peche de Galicia Hoxe e os diversos ataques á TVG sensibilizáronnos sobremanera e propoñémonos debater como se debe defender a vixencia desas canles de expresión”, resalta a través dun comunicado remitido pola Federación de Asociacións Galegas de Arxentina.

Publicado o 29 Mar 2012 en Aldea Global, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies