8 vídeos permiten revivir as “historias non escritas” representadas na visita dramatizada ao barrio histórico de Oia

Os vídeos están dispoñibles na canle de Youtube do Concello de Oia e a través dos códigos QR das placas de información turística do barrio histórico.

Oia | Un total de 8 pezas audiovisuais permitirán revivir as “historias non escritas” representadas na visita dramatizada ao barrio do Arrabal que foi realizada no marco da iniciativa 6×6 punto de encontro, O Arrabal. O proxecto está organizado polo Concello de Oia e cofinanciado pola Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo.

Os vídeos poden visualizarse a través da canle de Youtube do Concello de Oia e tamén están dispoñibles nos códigos QR das placas de información turística instaladas en puntos de interese patrimonial do Arrabal, polo cal pasa o Camiño Portugués da Costa. Deste xeito, as persoas que visitan o barrio histórico oiense poderán contemplar os vídeos no mesmo lugar onde foron representadas as pezas dramáticas, coñecendo diferentes historias e personaxes presentes na cultura local.

Este material audiovisual pretende recoller os resultados do obradoiro de teatro veciñal desenvolvido entre os meses de febreiro e maio, concretamente da xornada de representación celebrada o 2 de xuño, a cal incluíu unha variada programación lúdico-cultural baixo o título 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas.

En total, foron elaborados 8 vídeos: un vídeo-resumo das actividades da xornada do 2 de xuño (visita dramatizada, exposición, postos de artesanía, música nas rúas, espectáculo infantil, etc.) e outros 7 específicos da visita, un por cada unha das pezas dramáticas representadas:

-Vídeo resumo: 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas
-Peza 1: As lavandeiras
-Peza 2: Jesús, o Monte
-Peza 3: As choronas
-Peza 4: A Picota
-Peza 5: As cornetadas
-Peza 6: Castellanos de Castilla
-Peza 7: As pantasmas do Mosteiro

A elaboración e difusión das citadas pezas audiovisuais busca concienciar e sensibilizar sobre a riqueza cultural, natural e humana do Camiño da Costa ao seu paso por Oia e comunicar e difundir o patrimonio da zona a través dunha clara aposta polas fórmulas innovadoras, que fomenten a participación social. Así mesmo, pretende asociar a imaxe de Oia como enclave estratéxico no Camiño da Costa e como destino turístico cunha oferta singular nos eidos cultural e de natureza.

Proxecto
Estes vídeos forman parte do proxecto que, baixo o título global 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas, desenvolveu ao longo dos últimos meses unha serie de actividades lúdico-culturais vinculadas ao patrimonio, a participación social e a promoción de artistas emerxentes.

Este proxecto incluíu a celebración dun obradoiro veciñal de teatro, unha programación lúdico-cultural celebrada o día 2 de xuño (que incluíu unha visita dramatizada a cargo do antedito obradoiro veciñal), una exposición, un ciclo de visitas guiadas, a edición dos vídeos e dunha publicación escrita na que se recolle todo o proceso de reflexión veciñal arredor do patrimonio local.