25 de xullo, “Día da Patria” ou “Día da República”?.

Editorial.

Tranquilos; non se me alteren que non estamos declarando a República unilateralmente. Facemos este xogo de palabras porque nestes momentos da historia vémonos asulagados pola información que nos chega dalgúns medios; outros calan coma mortos.Entenden que os cidadáns non teñen por que coñecer certos temas; para ese traballo xa están as Redaccións pesebristas e os políticos que gobernan.
A Monarquía corre serio perigo de esvaecerse; adiantémonos logo e proclamemos a República Galega das palabras; de momento. Un ínclito comentarista dun reputado xornal escribía días pasados: “Queren acabar con Franco, agora métense co Rei emérito e logo irán a pola Monarquía”. Ao mellor ten razón, non lles parece? O que non sabía eu era que puideramos acabar con Franco e tiveramos que esperar 40 longos anos.

Como a propia definición nos di: “República chámase á organización do Estado na que o exercicio do goberno corresponde a unha ou varias persoas elixidas mediante voto popular ou parlamentario, por períodos de tempo limitados, para representar os intereses cidadáns. A verba procede do latín “res publica”, ou sexa, a cousa pública, o que é da xente do común, como diría o amigo Beiras. Platón é o pai da criatura.

A prensa pesebrista (a súa maioría) víñanos preparando para que non nos chegaramos a crer que o novo goberno ía facer algo máis e mellor do que o fixera o goberno anterior do PP. O novo Presidente, Pedro Sánchez, ten unha patata quente nas máns. Ben, eu penso que ten un saco delas. Prometeunos que se Montoro non facía pública a relación de defraudadores á facenda, aqueles miles deles que tiñan fortunas en paraísos fiscais aos que se lles prometeu lavar todo ese diñeiro sucio con tal que pagaran un chisco á Facenda, el comprometíase a facelo cando chegara ao Poder. Claro que Pedro Sánchez, neses momentos en que se lle quentou a boca, nin en soños pensaba chegar á Moncloa tan cedo. Agora dinos que a lei non o permite. Pedriño, a lei cambiase como fixo Montoro. Se non podes dínolo á cara; dinos que non tes apoios para facelo porque nese lote de defraudadores seguramente están “dos teus”, e dos que teñen que apoiarte no Parlamento. Pero se queres que os cidadáns che outorguen poder suficiente, nas próximas, para non depender de defraudadores tes que explicalo con toda claridade.
Asistimos a un espectáculo de prim time, como din os entendidos na materia. O noso “vello petrucio real” anda nos papeis coma un “caco máis” dos defraudadores á Facenda. Collérono pola bragueta. Estes borbóns son todos iguais!!!

Os emperadores romanos tiñan un bufón que cando ían sair á tribuna lles lembraba “que non era máis ca un home”.Ao noso emérito (menudo palabro), alguén lle tiña que lembrar que para erixir o fillo (en quen tiña postas todas as súas complacencias) tivo que quedar cáseque espido. Agora, como nos ven de informar a Ministra de Xustiza, o emérito D. Juan I xa non é inviolable, soamente está aforado. Claro que estes individuos, mentalizados de que a eles o Poder lles viña do ceo, as palabras da Ministra poida que lles soen a música celestial. No entanto, o pote está a ferver. Non se sabe ben a cantos vaia queimar. De calquera xeito, aínda que non poidamos ver a este borbón ligón e zumbón na cadeira dos acusados, o que si é xa irrefutable é o feito de que a Monarquía está tocada de morte.
Un rei cobrando millonarias comisións para axenciar obras a empresas españolas (que se fixeron “de ouro” nos tempos do franquismo e que aínda seguen a mamar do ubre do Estado) no exterior non é presentable. O seu fillo, hoxe tan rufo fronte os cataláns e tratando de gañarse a simpatía do persoal, non sabía nada disto? Non sabía que xa seu avó apoiara con cartos a Franco e que solicitou se lle permitira ir á Guerra vestido de falanxista? Non sabía da fortuna da súa familia que apareceu “neses curiosos papeis” en paraísos fiscais?

Seu bisavó saiu de España no 1931, pero non saiu descalzo; seu tío Constantino de Grecia saiu do trono pero ben calzado (leva décadas vivindo por europa adiante a corpo de rei (e nunca mellor dito); seu avó repartiu unha copiosa fortuna, parte dela xa descuberta ás súas tías polas autoridades contra a fraude fiscal; de seu pai dise que posúe unha fortuna de máis de mil millóns de euros; que ocorre? O novo rei non se entera de nada? E se está enterado, que pensa facer? Mirar para outro lado? O porto de Caraxena segue estando habilitado para o exilio “detrás” do seu bisavó.

Agora, tarde piaches, amigo!! Os cidadáns desta pel de touro non estamos dispostos a que esta monarquía que non queren meter coma o ungüento de Fierabrás que ía dar tranquilidade ao país, demóstranos que seguen dispostos a chucharnos o sangue, a suor e as bágoas. Agora, amigo, aquí ou xogamos todos ou rompemos a baralla. Non se pode adoptar unha posición de igñorante diante das falcatruadas da familia e logo aparecer coma o abandeirado das esencias patrias cando se ve que “a familia” correo perigo de perder o seu status. En tal caso que faga unha declaración xurada renunciando a todo o que proveña do patrimonio familiar que non estea legalmente declarado diante da Facenda do Estado. A insistencia do actual goberno de non facer pública a relación dos que se aproveitaron da annistia fiscal de Montoro ten algo a ver coas personalidades que ai poidan estar implicadas. Estarán aí os “nosos reis” (eméritos ou non)’?

Por todo isto, este Dia da Patria Galega tam´ñen podemos berrar alto e forte “Viva a República Galega que todos desexamos”.

Non creo que por iso teñamos que durmir “nos hoteis das forzas de seguridade”, ou sí? E de ser así sem pre será máis honrado que facelo por ser defraudadores á Facenda e presentarse coma os nosos salvadores.

Anímense e berren con forza “VIVA A PRÓXIMA REPUBLICA GALEGA”

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»