BNG Porriño responde ó PP sobre o IBI

O Porriño/BNG | Ante as declaracións que o PP do Porriño sobre a futura actualización de valores catastrais que terá como consecuencia, a mais que probable, suba do imposto do IBI, o Bloque Nacionalista Galego manifesta o seguinte:

O Partido Popular para tapar a carencia de iniciativas políticas, a falla de traballo de oposición e ante a súa incompetencia para liderar a oposición ,como grupo maioritario que é, recorre novamente a demagoxia , a hipocrisía e a mentira.

O BNG, respecto ao Imposto de Bens Inmobles (I.B.I), sempre mantivo unha posición, transparente e sen ambigüidades , contra os incrementos irracionais e con afán recadatorio dos impostos. Algo que non pode dicir o PP, porque foron os responsábeis de pasar no Porriño dun índice de 0´4 ao 0´6 entre os anos 2012 e 2015 por decisión do ministerio de facenda en Madrid no goberno do PP. Onde estaba a preocupación polos veciños do PP do Porriño?.

 

Cando o actual goberno do Porriño propuxo, no pleno do 12 de novembro do 2015, estipular un índice do 0,5 para uso residencial e 0,65 para uso comercial e industrial, o BNG votou en contra para evitar unha maior imposición aos veciños e veciñas. Propondo unha progresividade en función da renda e a introdución de cláusulas de bonificacións dirixidas a persoas e familias con rendas baixas.

Na mesma liña, no pleno do mes de abril de 2016, cando o goberno, de Eva García de la Torre, somete ao pleno a aprobación de “ Solicitar a xerencia do centro de xestión do catastral e cooperación tributaria da elaboración de ponencia de valores para a determinación da base impoñible do IBI “ . O BNG manifestou “ que estamos novamente diante dunha proposta recadatoria que afectará a todo tipo de solos e non só aos industrial, como quería dar a entender o goberno, senón que tamén afectará aos residenciais, rústicos e urbanizabeis, e a todo tipo de edificacións, – vivendas, galpóns , garaxes, piscinas etc. ” votando o grupo municipal do BNG en contra da proposta da alcaldía.

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño ten moi claro como exercer a súa labor de oposición ao goberno e asume o seu papel de líder da oposición porque é ,nos dous anos que levamos de lexislatura, o partido político que mais iniciativas políticas presentou. Non aceptamos leccións do Partido Popular en defensa dos intereses sociais dos veciños e veciñas porque é o partido popular quen promoveu os actuais recortes sociais, quen privatiza a sanidade, quen deteriora a educación e recorta os dereitos das persoas traballadoras, quen ampara o espolio dos aforros da xente e quen aplica unha imposición inxusta aos/as emigrantes retornados.

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO estará pendente da proposta de valoración de valores catastrais que fará a oficina do Catastro e informará e denunciará toda proposta que considere abusiva e inxusta para os veciños e veciñas do Porriño.