Xornada infantil de convivencia con motivo de La Vuelta en Mos

Organizada polo RC Celta na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras

Mos | Máis de 100 nenos e nenas de Mos e Vigo de entre 4 e 12 anos de idade participaron entre onte e hoxe nunha xornada de convivencia organizada polo RC Celta na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras, dentro do programa municipal de actividades con motivo da meta da etapa 20 de La Vuelta 21 en Mos.

O cento de cativos participantes recibiu esta mañá a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do Director da Fundación Celta, Germán Arteta, de Fernando Rodilla en representación do patronato da Fundación Celta e do concelleiro de Deportes mosense, José Areal.

A inscrición dos participantes realizouse a través dos clubes de fútbol locais, Unión Deportiva Mos e Club Louro Tameiga; e das ANPAS dos distintos centros educativos mosenses.

A Xornada de Convivencia Afouteza ten lugar en horario matinal, desde as 10.00 horas e ata as 13.00 horas.

Os nenos e nenas gozan dunha xornada de convivencia onde realizaron unha visita guiada pola Cidade Deportiva Afouteza, e unha posterior actividade no campo de adestramento do RC Celta cun carácter lúdico e co obxectivo de gozar dun día de fútbol.

Protocolo de acceso
A entrada ás instalacións realizouse a partir das 10.00 horas exclusivamente para os nenos e nenas que participan na actividade. No acceso ás instalacións realizouse protocolo COVID con toma de temperatura e xel desinfectante.

Esta trátase dunha iniciativa máis enmarcada dentro do programa de actividades con motivo da etapa 20 Sanxenxo-Mos (Castro de Herville) que terá lugar o sábado 4 de setembro.

Versión propia da canción de La Vuelta
A Banda de Música Xuvenil de Torroso, xunto co cantante mosense Antonio Barros, versionaron o tema musical de La Moda, do que grabaron tamén un videoclip que se estrea hoxe á tarde na páxina oficial de Facebook do Concello de Mos.

Continúase en Mos coa programación derivada da meta da etapa de La Vuelta Ciclista a España no Castro de Herville-Cela, o sábado día 4 de setembro.

O cantante mosense Antonio Barros interpreta a versión.

Outra das iniciativas postas en marcha é a versión da canción oficial de La Vuelta, autoría do grupo burgalés La Moda, a cargo da Banda de Música Xuvenil de Torroso, xunto co cantante mosense Antonio Barros.

A versión que membros da Banda de Música Xuvenil de Torroso prepararon xunto con Antonio Barros, conta tamén co seu propio videoclip que se estrea esta tarde na páxina oficial de Facebook do Concello de Mos.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, quixeron “agradecerlles aos participantes nesta espectacular versión musical a súa colaboración o seu interese e o seu bo facer”, gratitude que quixeron expresarlles tanto a Antonio Barros como aos membros da Banda de Torroso.

E engadiron ademais o agradecemento a estes grandísimos músicos locais por “ilusionar á poboación mosense sempre, e especialmente nestes momentos nos que a crise sanitaria derivada da COVID-19 merma os estados de ánimo, polo que cómpre serguir a ilusionar á veciñanza; algo que eles fan como ninguén”, aseguran a alcaldesa Arévalo e Sara Cebreiro.

Desde o Concello anímase a visionar esta peza no Facebook do Concello, xa que non deixará indiferente a ninguén.