V edición do Trail Orixes Mondariz

Aspira a superar as 600 persoas inscritas

Mondariz | O Goberno municipal, xunto a representantes da Asociación Deportiva Mondariz, presentou este venres 21 de abril o V Trail Orixes Mondariz, unha carreira de montaña que se consolida ano a ano e atrae a decenas de participantes de Galicia e fóra de Galicia. Nesta quinta edición, programada para o sábado 6 de maio, a organización aspira a superar as 600 persoas inscritas.

“A día de hoxe levamos 576 inscritos/as nas diferentes categorías. As prazas da distancia curta de Minitrail esgotáronse hai 15 días, e do Trail a semana pasada”, afirma Sebas Lourenzo, da Asociación Deportiva Mondariz.

O V Trail Orixes Mondariz, que abriu o prazo de inscrición o pasado 15 de febreiro, preséntase este ano cheo de novidades. Ademais das tradicionais categorías de Minitrail (14km), Trail (26km) e Maratón (40km), a organización repite coa exixente Ultra (60km), inclúe por primeira vez a cativos/as de 3 a 13 anos no Pequetrail e introduce a categoría non competitiva de Andaina (13km).

As inscricións deben realizarse na plataforma www.empa-t.com até o 1 de maio, ás 23:59h. Nas categorías de Minitrail (14km) e Trail (25km), as 350 prazas dispoñibles están esgotadas desde hai días, mais a organización habilitou na mesma plataforma a opción de inscribirse nunha lista de agarda para optar a prazas vacantes de última hora.

Outra das novidades deste ano é que as distancias de Ultra (60km) e Maratón (40km) van ser homologadas pola Federación Galega de Montañismo, acción que recoñece o traballo da organización na selección de trazados. O ritmo de inscrición nestas dúas categorías, con 100 prazas dispoñibles cada unha, tamén vai mellor do previsto. Na distancia Ultra (60km) cóntanse 53 persoas inscritas, mentres que na de Maratón (40km) hai 69 cando faltan 10 días para que remate o prazo de inscrición.

Tamén quedan prazas nas novas categorías de Pequetrail e Andaina (13km). O Pequetrail, que terá lugar o mesmo día 6 de maio pola tarde, consta de varias distancias en trazado semiurbano: Xabarín, de 1.500, para nenos e nenas de 10 a 13 anos; Raposo, de 800m, para idades de entre 6 e 9 anos; e Esquío, de 100m, para meniños e meniñas de 3 a 5 anos. Trátase dunha proba gratuíta, pero requírese igualmente inscrición na plataforma www.empa-t.com dentro do prazo establecido. A categoría de Andaina (13km) está concebida como unha proba non competitiva para desfrutar da contorna natural de Mondariz.

O Goberno municipal de Mondariz apoia esta carreira desde os seus inicios. Nos últimos anos, a pesar de que a pandemia obrigou a suspender esta actividade nos anos 2020 e 2021, o Trail Orixes Mondariz recuperou e mesmo incrementou o seu atractivo entre as persoas afeccionadas á montaña. O ano pasado houbo máis de 400 participantes, e nesta quinta edición hai previsións de chegar ás 600 persoas inscritas. “Temos participantes de toda Galicia, pero tamén de Portugal, Francia e diferentes comunidades españolas, como Asturias, Castela e León e Madrid, entre outras”, afirma Lourenzo.

O percorrido volverá ser circular, con saída e chegada na praza de España de Mondariz. Discorrerá por Riofrío, Aboal, Festín, Gargamala, Caxil, Vidueiros, Foxo do Lobo de Estacas, Lago de Piñeiro, Caxil (Mosteiro de San Xoan), Sabaxáns, Cernadela e Mondariz, con diversos controis que están especificados nas bases de participación. O día 5 de maio convocarase ás persoas participantes a unha charla técnica.