Tui acolle o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show

Os días 26 e 27 de marzo

Tui | O pavillón municipal Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show organizado polo Club de Patinaxe Artístico Ribex en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Patinaxe.

A proba presentouse esta mañá na casa do concello por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente do comité de patinaxe artístico da Federación Galega de Patinaxe, Alberto Covelo, o presidente e adestrador do CPA Ribex, Santiago Alonso, a secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a intensísima axenda deportiva de Tui indicando que “é un privilexio” poder acoller este campionato, ao tempo que salientou que Tui é “o lugar ideal pola súa riqueza patrimonial e pola súa ubicación transfronteiriza”. Ao tempo o rexedor tudense destacou que “o deporte é tamén un elemento de dinamización económica”. Agradeceu ao CPA Ribex o seu importante traballo que pon ao patinaxe no mapa, así coma á Xunta de Galicia a colaboración no ámbito deportivo.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, comezou manifestando que “Tui está co deporte” e lembrou a espectacular regata Miño Internacional e a vistosa BTT Eurocidade, celebradas na fin de semana así coma o terceiro posto logrado polo Kaiak Tudense no Campionato de España Piragüismo e o título de Campión de España do tudense Manuel Garrido en C1 senior.

Unha axenda deportiva que prosegue esta fin de semana coa Andaina de Fortaleza a Fortaleza, co RAID TT da Eurocidade e con este campionato galego salientando que aquí se xogarán “as prazas para o Campionato de España”, desexando moita sorte ao CPA Ribex. Dende o club organizador o seu presidente e adestrador Santiago Álvarez agradecía á Federación Galega de Patinaxe “concedernos este campionato” e ao Concello de Tui “por todos os medios facilitados”.

Explicou que a competición comezará o sábado ás 18 h para grupos grandes con 9 grupos, e o domingo dende ás 17.30 para grupos pequenos con 12 grupos. A secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa, recoñeceu que para o club “é un reto importante organizar un campionato destas características” que traerá até Tui a máis de 300 patinadoras e patinadores e as súas familias.

Dende a Federación Galega de Patinaxe o presidente do Comité de Patinaxe Artístico, Alberto Covelo, indicou que “é un pracer poder celebrar esta competición en Tui, onde o patinaxe artístico é moi importante co club Ribex”. Salientaba que “unha competición das máis importantes, dentro da Federación Galega de Patinaxe, é unha competición moi vistosa, na que hai preto de 300 participantes cos seus respectivos adestradores e equipos técnicos, co que estamos falando de case 400 persoas máis todo o público que se vai achegar a Tui”.

O xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, amosou o seu agradecemento á Federación por traer esta competición á provincia de Pontevedra e en concreto até Tui. Destacaba que “a xente que vai vir aquí dende outras latitudes de Galicia pode ter a ocasión de perderse en Tui e coñecer o patrimonio cultural, a hospitalidade da xente de Tui…” indicando que “neste caso o deporte e a activación económica nestes momentos é moi importante”.

O Campionato Galego de Patinaxe de Grupos Show celebrarase o sábado dende ás 18 h coa competición grupos grandes formados entre 16 a 30 patinadores e patinadoras e o domingo dende ás 17.30 h cos grupos pequenos que terán entre 6 e 12 integrantes. As entradas, cun prezo de 6€, poderanse mercar, para o propio día, o sábado dende ás 15 h e o domingo dende ás 14.30 h. O aforo é limitado.

O Club de Patinaxe Artístico Ribex competirá en grupos grandes con 17 persoas presentando a coreografía “Obsesións”.