Triunfos do Club Natación Ponteareas no Campionato de España Infantil

Obtivo seis medallas e finalizou na 10ª posición no torneo celebrado en Sabadell

Ponteareas | O Club Natación Ponteareas está de parabéns despois da súa grande actuación no Campionato de España Infantil celebrado en Sabadell. As tres nadadoras que representaron ao equipo obtiveron en total seis medallas, dúas de ouro.

Sofía Carballo coroouse como campioa de España en 100 e 200 metros braza batendo a mellor marca galega nesta categoría, e foi subcampioa nos 400 metro estilos. Ademais finalizou 5ª clasificada na final dos 200, superando o seu mellor tempo persoal.

Triunfal tamén foi o paso de Iria Lemos polo campionato. Alcanzou todas as finais das probas nas que participou e alzouse como subcampioa de España en 50 e 100 metros libres, alcanzando a mellor marca entre as nadadoras galegas da categoría, e foi terceira nos 200 metros libres.

Membros do Club de Natación de Ponteareas.

Naroa Estévez tamén destacou na súa primeira presencia nun Campionato de España e rozou a súa mellor marca persoal.

Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes, quixo felicitar ao Club Natación Ponteareas, que ratificou o seu bo facer e a súa gran traxectoria quedando 10º na posición xeral do Campionato. Un posto moi destacado tendo en conta o complexo que é acceder a unha cita nacional e levantar unha medalla.

Dende o Concello e o Club queren destacar “o enorme mérito do traballo das tres nadadoras” cun recibimento no salón de plenos o próximo venres día 30.

Outros artigos