Tomás Curras e Adriana Subiás gañaron o XI Open Tenis Vila do Corpus en Ponteareas

Nas categorías Absolutas Masculina e Feminina

Ponteareas | Este pasado domingo 4 de xullo disputáronse nas pistas de A Freixa, Ponteareas, as finais de todas as categorías do XI Open Tenis Vila do Corpus. Entre as vitorias máis destacadas atópanse a de Tomás Currás, na categoría Absoluta Masculina ao derrotar a Roberto Rodríguez por 6-4, 3-6 e 6-3, e a de Adriana Subiás, gañadora da categoría Absoluta Feminina ao vencer a Clara López por 6-2 e 6-2.

As nove categorías restantes tamén tiveron os seus gañadores. En Veteranos +45, o triunfo levouno Javier Méndez fronte a Ricardo Vázquez, mentres que en Veteranos +35 a final gañouna Alfonso Santos contra David Vidal.

David Noe foi o gañador da categoría Cadete Masculino ao vencer a Manuel Moreira e na sección feminina desta mesma categoría, Paloma Gallego impúxose a Victoria Lorenzo. E Pablo Gregores foi o campión da categoría Infantil Masculina ao gañar a Gonzalo González.

Entre os máis pequenos do torneo houbo un total de catro gañadores. Marc Nicolás foino na categoría Alevín Masculina ao derrotar a Martín Rodríguez e Alma Granados en Alevín Feminino ao vencer a Sofía Villa. Pedro Rivero impúxose como campión Benxamín Masculino gañando a Nicolás Cabido e Lenda Vázquez fixo o mesmo en Benxamín Feminino ao imporse a Martina Souto.

Na entrega de trofeos posterior á última final disputada, destacou a presenza do deputado provincial Manuel González, o alcalde en funcións de Ponteareas Roberto Mera e o concelleiro de Deportes de Ponteareas Miguel Bouzó.

Ademais, o presidente do Club Tenis Ponteareas, Manuel Regueira, aproveitou a ocasión para destacar a importancia de poder volver realizar o torneo tras a situación epidemiolóxica vivida e agradecer aos 190 participantes a súa asistencia, así como o apoio das diferentes casas comerciais que fixeron posible a celebración do evento.